- Ao acto de presentación acudiron o alcalde da Illa de Arousa, o patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián, a presidenta da OPP20 e a vicepresidenta de Amicos
- As pezas, elaboradas por amic@s e escolares, poden visitarse de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas
- AMICOS MARES LIMPOS é un proxecto medioambiental liderado por persoas con discapacidade intelectual, cofinanciado por Eurofins Foundations.
A exposición de arte reciclado de Amicos Mares Limpos xa pode visitarse a partir deste xoves, 24 de outubro, no local da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa. Alí tivo lugar o acto de presentación da mostra ese día pola mañá, ao que acudiron varios dos nosos axentes medioambientais para presentar as obras que realizaron os amicos e amicas coa axuda dos escolares que participaron nos obradoiros de iniciativa.
Durante o acto estiveron acompañados polo alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa, o patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián, Juan José Rial, a presidenta da OPP20, Inma Rodríguez, e a vicepresidenta da Asociación Amicos, Digna Iglesias. Unha compañía magnífica para unha xornada do máis divertida e enriquecedora.
Yassin El Aamry, Adriana Miguéns e Héctor Sóñora foron os encargados de abrir o acto explicándolles aos asistentes todo o que se fixo ata o de agora no marco do proxecto. Tamén falaron do papel que realizaron eles e os seus compañeiros como instrutores de prácticas medioambientais e de coidado da natureza, persoas con discapacidade intelectual encargadas de conducir as accións de sensibilización a través de distintas dinámicas lúdicas.
A mostra pode visitarse no local da Confraría da Illa de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas. As obras expostas foron creadas por alumnado de distintos centros educativos, os axentes medioambientais e os amicos e amicas do centro. En total realizáronse catro obradoiros de arte reciclado con residuos recollidos en varias das xornadas de limpeza.
As pezas son do máis creativas e elaboradas. Na exposición poden verse animais mariños como cangrexos, baleas, delfíns, peixes… elaborados con distintos residuos como redes, boias ou chapas, entre moitos outros.
Un recibimento do máis especial
A continuación, a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias quixo “agradecer ao alcalde Concello da Illa de Arousa, ao patrón maior da Confraría e a toda a Illa por acompañarnos, pola visibilidade e o recibimento da exposición de arte reciclado realizado con residuos recollidos do mar e feito polos nosos amicos, amicas e escolares no proxecto. A iniciativa de AMICOS MARES LIMPOS é moi bonita e as obras son preciosas, polo que esperamos que desfrutedes dela e que moitas persoas se acheguen a este local da Cofradía para ver a materialización de moitas das accións de sensibilización realizadas polos axentes medioambientais de Amicos”.
O patrón maior da Confraría da Illa, Juan José Rial, destacou que “estamos encantados de colaborar con Amicos, algo que levamos facendo varios anos, e con este proxecto de AMICOS MARES LIMPOS, que é espectacular. Como lle deron unha segunda vida aos plásticos que volven ás praias, quitalos do entorno e que se lle dea esta nova oportunidade para que a xente vexa que bonitas son estas figuras. Eu xa participei en varias limpezas con estes axentes medioambientais de Amicos e a verdade é que se desfruta moito, ensinan moito e fanse querer. Estamos encantados de colaborar, seguirémolo facendo o só dicir que gracias por estar aquí”.
Pola súa banda, o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa, tamén agradeceu á entidade a súa “labor encomiable e, como dixo xa o patrón maior, e darlle unha segunda vida aos refugallos que poderían acabar nas costas pero serven para realizar actividades diversas. Só animar á veciñanza da Illa a que se acheguen a ver esta exposición neste local da Cofradía e vexan todo o que fixeron estes axentes na asociación e como con catro plásticos fixeron tartarugas, delfíns e outros animais”.
Por último, a presidenta da OPP20, Inma Rodríguez, destacou da súa colaboración man a man cos amicos e amicas na recollida de residuos mariños que “para min e para as miñas compañeiras foi unha experiencia boísima, aprendemos moitísimo deles e delas. E agora, vendo o resultado máis incluso. Como dixo o alcalde, só invitar a todos e todas a que veñan a velo porque os mozos e mozas fixeron marabillas”.
Un proxecto englobado dentro de AMICOS SEA CARE
AMICOS MARES LIMPOS é un proxecto medioambiental liderado por persoas con discapacidade intelectual, como segunda fase da iniciativa AMICOS SEA CARE, cofinanciado por Eurofins Foundations.
O obxectivo da iniciativa é preservar a biodiversidade mariña en Galicia, en especial a das Áreas Mariñas Protexidas da Rede Natura 2000. Para iso busca protexer os ecosistemas mariños mediante a recollida, o tratamento e a prevención dos residuos mariñas, promovendo a participación activa e a colaboración de organizacións pesqueiras, escolas locais, empresas e visitantes nas áreas naturais.
No marco deste proxecto realizáronse un total de 28 accións de sensibilización con escolares, nas que participaron máis de 1000 cativos e adultas. Tamén se organizaron 23 xornadas de retirada de residuos mariños, nas que tamén participaron case 700 rapaces e rapazas e 500 adultos de varios centros educativos, empresas e asociacións. Nelas recolléronse un total de 600 quilos de lixo.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047