- As persoaxes de Pesadelo antes de Nadal e varias criaturas aterradoras invadiron o Centro de Atención Integral de Amicos
- Durante a mañá os amicos e amicas protagonizaron un terrorífico desfile polo centro e participaron nun concurso de disfraces e de cabazas, en compañía das familias e o equipo da entidade
O fin de outubro trae consigo unha das celebracións máis celebradas polos mozos e mozas de Amicos: o Samaín. Un ano máis, o Centro de Atención Integral da entidade en Boiro acolleu este mércores, 30 de outubro, unha mañá chea de sorpresas, música, e os traxes máis arrepiantes.
Os amicos e amicas disfrazáronse de distinta temática, segundo os grupos que soen coincidir nas diversas actividades de libre elección, aos que se unen os cativos de Pekes. Este ano os temas xenéricos elixidos foron demos, pallasos, vampiros, momias, e o prato forte: os inspirados na película ‘Pesadelo antes de Nadal’. Pekes, pola súa banda, decantouse por disfrazarse de lobos.
A festa contou tamén cun desfile polos corredores do centro, no que os distintos grupos executaron bailes ao son da música para mostrar mellor o seu traballo, que cristalizou nuns disfraces do máis elaborados. Celebráronse tamén un concurso de cabazas e outro de disfraces.
Tralas actuacións o xurado, formado por cinco membros entre usuarios, familias e traballadores elixidos ao azar entre o público, escolleu ao grupo de Lobos como o gañador do premio ao mellor disfrace, mentres que Momias alzouse como o máis terrorífico e Pallasos como os que mellor bailan. Vampiros fixéronse co premio aos máis animados, e o grupo de Pesadelo antes de Nadal conseguiron o galardón á mellor caracterización. Os demos fixéronse co premio á mellor coreografía.
Por outra banda, as cabazas gañadoras do concurso foron as elaboradas polos amicos e amicas Yasmina, Roberto e Domingo. Asemade, o equipo do centro tamén recibiu uns pequenos agasallos feitos no obradoiro de Olaría para agradecer todo o traballo que realizan no día a día e pola súa dedicación.
A diversión estendeuse ata a tarde, despois dunha comida do máis terrorífica, cunha serie de xogos temáticos e bailes de estilo libre.
Un traballo de creatividade
O espírito do Samaín instalouse en Amicos durante as semanas previas á súa celebración. As amicas e amicos non deixaron de botar man de toda a súa creatividade para crear as decoracións dos centros, tanto do Centro de Atención Integral de Boiro como do CEEPR de Oleiros, se semellan verdadeiros cemiterios.
Asemade, os distintos talleres adicáronse á confección dos disfraces e a coñecer a fondo da man dos técnicos e técnicas a orixe desta festa, que se remonta á celebración coa que os celtas celebraban o final do verán e lle daban a benvida ao inverno, para eles a época escura do ano en todos os sensos.
Outro dos puntos fortes foi a decoración de cabazas, que foron expostas no corredor principal do centro de Comoxo.
Concurso de decoración de portas terroríficas
Amicos tamén impulsa o concurso ‘Samaín: Decoración de portas terroríficas’. Nesta acción impulsada nas redes sociais da entidade, anímase a centros educativos, así como centros de día e ocupacionais, a que compartan as decoracións das súas portas ata o 30 de outubro.
As fotos compartiránse no Facebook de Amicos, onde se poderán votar as mellores do 1 ao 5 de novembro. Gaña aquela que máis me gusta reciba.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047