- As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través deste formulario de inscrición
- A evento terá lugar o sábado 16 de novembro en horario de mañá no Auditorio de Ribeira
O proxecto ‘Everyday is a training day’ chega ao seu fin o próximo sábado, 16 de novembro, nun gran acto final que se celebrará no Auditorio de Ribeira de 9 a 14.30 horas da tarde. O evento contará con intervencións de distintos profesionais de entidades especializadas en deporte e cultura adaptados, actuacións culturais e varios obradoiros inclusivos. As persoas interesadas en participar neste acto aberto a toda a cidadanía xa poden anotarse a través deste formulario de inscrición.
O encontro servirá como telón de fondo para mostrar algunhas das conclusións e actividades deseñadas no marco do proxecto. ‘Everyday is a training day’, coordinado pola asociación Integrados, do grupo Amicos, coa colaboración de Scout Society e Krik, e financiado pola Unión Europea no marco do programa Erasmus+. A iniciativa xurdiu co obxectivo de achegar e promover hábitos de vida saudable inclusivos e accesibles entre a poboación, tanto neurotípica como neurodiverxente.
Así, o acto comezará cunha pequena benvida por parte do equipo de Integrados, así como a presentación deste proxecto, o primeiro internacional da entidade. A continuación, realizarase un panel no que intervirán clubs deportivos e culturais como Tuxeleires Rugby Club, Fundación ENKI, Fundación IgualArte, Club Kempo Barbanza e San Xerome Emiliani.
Tras un breve descanso amenizado polo dúo circense ‘Vuelta y media’ realizarase un primeiro bloque de obradoiros centrados de ergonomía postural e expresión corporal. De seguido, levarase a cabo unha demostración de kempo e conduciránse varios espazos de lecer inclusivo.
Everyday is a training day
Everyday is a training day naceu co propósito de crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesibles para todas as persoas, ao tempo que buscou promover a actividade física mediante distintos exercicios e prácticas adaptados. Asemade, outro dos seus puntos vitais foi fomentar o contacto coa natureza e sensibilizar á comunidade da importancia da práctica deportiva.
Esta iniciativa está dirixida pola Asociación Integrados en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros. E naceu no marco do proxecto Erasmus+, financiado pola Unión Europea.
Asociación Integrados
Amicos conta coa Asociación Integrados, que traballa para promover o ocio e a vida autónoma da xuventude con discapacidade. Para isto, o seu equipo organiza actividades encamiñadas ó desenrolo da cultura, medioambiente, lecer e deporte para nenos, mozos e adultos, autoxestionadas e deseñadas pola poboación máis nova.
Entre as múltiples actividades que organiza Integrados destacan hidroterapia, taekwondo e kempo, excursións e saídas culturais e campamentos de verán. Todas elas co obxectivo de que os beneficiarios adopten un papel activo nas decisións que teñen que ver co seu tempo libre e se sintan actores autónomos na sociedade da que forman parte.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047