- A entidade celebrou a festa este mércores, 6 de novembro, no Centro Integral de Boiro
- A música e as castañas asadas foron as grandes protagonistas da tarde
O Centro de Atención Integral de Amicos acolleu un ano máis a festa outonal por antonomasia: o magosto. Para celebralo o centro encheuse de castañas asadas, música, baile e moitas actividades lúdicas para coñecer a fondo esta tradición. No evento participaron os usuarios do Fogar Amicos, do Centro de Día e da área de Pekes, así como o equipo da entidade.
A festa tivo lugar a tarde deste mércores, 6 de novembro, e xuntou a máis dun cento de persoas. Asemade, a principal atracción da festa, que comezou arredor das 15.00 horas, foi unha máquina de asar castañas das que adoitamos ver polas rúas galegas.
Arredor dela déronse cita moit@s d@s membros da familia de Amicos, que degustaron unhas saborosas castañas ao tempo que desfrutaban da música, o baile e a compañía. Tamén fixeron uso duns recipientes deseñados e elaborados polos mozos e mozas de forma expresa para a celebración.
Quentando motores dende días antes
Ademais, durante os primeiros días desta semana, todos os mozos e mozas de Amicos botaron man da súa creatividade para crear unhas caixas personalizadas como alternativa aos típicos cornetes. Estas contaban con dous compartimentos separados, nos que gardar nun lado as castañas asadas e no outro as cascas.
Tamén participaron en distintos obradoiros temáticos, nos que elaboraron decoración do magosto e actividades para coñecer esta festividade.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047