• O acto oficial de presentación celebrouse este mércores, 13 de novembro, e foi conducido pola nosa axente medioambiental Adriana Miguéns
  • O proxecto ‘LAB-MAR: Laboratorio participativo para la prevención y valorización de basuras marinas’ busca protexer e conservar os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía, en especial, os espazos naturais e protexidos.

 

O proxecto ‘LAB-MAR: Laboratorio participativo para la prevención y valorización de basuras marinas’ entrou este mércores, 13 de novembro, nunha nova etapa coa celebración do seu acto de presentación oficial. O evento, celebrado no Auditorio da sede do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo, contou coa asistencia da delegada da Xunta de Galicia na cidade, Ana Ortiz.

A nosa activista e axente medioambiental, Adriana Miguéns, foi a encargada de presentar o proxecto, así como os obxectivos e primeiros pasos que se están a realizar ao abeiro do programa. A través da súa experiencia, transladóuselle aos asistentes un breve resumo do que se espera conseguir no marco da iniciativa.

A continuación, o presidente de FUNDAMAR, Javier Touza, foi o encargado de abrir as intervencións dos socios do proxecto. En apenas cinco minutos, Touza falou da importancia da concienciación e a transformación como piares claves para o desenvolvemento socioeconómico da pesca e o marisqueo.

 

 

 

 

Pola súa banda, o director de Proxectos e Innovación da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Fabián Ben, e a técnica Elsa Picón destacaron o papel das confradías no proxecto; aos que seguiu o responsable de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Miguel Beiro, que se referiu á inclusión como eixe transversal de Lab-Mar. Un traballo conxunto paraprotexer e conservar os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía, co obxectivo de asegurar a provisión dos servizos ecosistémicos, impulsar a economía azul e reducir a contaminación mariña.

A delegada do goberno autonómico en Vigo, Ana Ortiz, quixo “agradecer a Amicos, á Federación Nacional de Cofradías e a Fundamar por un proxecto que traballa por algo tan importante como a rexeneración do medioambiente apostando pola sostibilidade, para protexer o noso patrimonio natural e zonas tan importantes como o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Dende a Xunta de Galicia estamos con estas tódalas organizacións que se involucraron neste proxecto, que é tan importante, como non podería ser de outra maneira”.

Miguel Beiro destacou que “o proxecto busca coidar ao tempo que sensibilizamos, perseguindo sempre a integración, a formación e a apertura de oportunidades para as persoas con discapacidade e actuando de nexo coa poboación que vive tanto arredor como do mar de forma inclusiva e integradora”.

Pola súa banda, María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR, destacou que “a nosa fundación centrarase na detección de posibilidades para darlle unha segunda vida a todo o que ten que ver cos residuos”. Fabián Ben de FNCP, en cambio,  destacou que “este tipo de proxectos permítennos sumar esforzos para o coidado do noso medio, desenvolver iniciativas que teñen transcendencia e construír esa economía social e do mar, algo que para nós é un autentico luxo e permítenos desenvolver as novas necesidades do sector pesqueiro”.

 

 


 
 

Un proxecto multidisciplinar

A través desta iniciativa organizaranse accións dirixidas a reducir os residuos mariños, fomentar a colaboración entre os sectores pesqueiro e marisqueiro con outros sectores empresariais e sociais, impulsar a innovación e a creación de emprego inclusivo e contribuír ao desenvolvemento dunha economía circular e azul. Asemade, o proxecto ten un forte compromiso de integración social, posto que as persoas con discapacidade intelectual serán os condutores de moitas das accións postas en marcha.

Ditas actividades realizaranse en zonas de medio mariño correspondentes ao PNMT de las Illas Atlánticas de Galicia, ao PN de Corrubedo, ao Complexo Intermareal de O Grove, o Parque Natural e o Parque Nacional de Doñana, as Marismas de Odiel, as Lagunas de Palos e as Madres, as Marismas do Río Piedras e o Rompido, os Enebrales de Punta Umbría e as Marismas de Isla Cristina.

O proxecto LAB-MAR conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMPA.

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

EL CORREO GALLEGO

EL CORREO GALLEGO II

LA VANGUARDIA

ATLÁNTICO

HERMES TV VIGO

XUNTA DE GALICIA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org