- O acto de peche contou coa presenza de múltiples profesionais do sector, así como da concelleira de Educación, Formación e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla.
- O proxecto estivo coordinado pola asociación Integrados, do grupo Amicos, coa colaboración de Scout Society e Krik, e financiado pola Unión Europea no marco do programa Erasmus+
O primeiro proxecto europeo promovido pola asociación Integrados celebrou a mañá deste sábado, 16 de novembro, o seu acto de clausura no Auditorio de Ribeira. Everyday is a training day é unha iniciativa centrada no deseño e fomento de actividade física adaptada e inclusiva, polo que a xornada xirou en torno a relatorios e obradoiros conducidos por profesionais do sector.
A xornada foi todo un éxito, cun gran número de participantes e asistentes que se achegaron a Ribeira a coñecer o traballo realizado ao abeiro desta iniciativa coordinada pola asociación Integrados, do grupo Amicos, coa colaboración de Scout Society e Krik, e financiado pola Unión Europea no marco do programa Erasmus+. A iniciativa xurdiu co obxectivo de achegar e promover hábitos de vida saudable inclusivos e accesibles entre a poboación, tanto dirixidas a persoas con algún tipo de discapacidade como sen.
Así, o acto de clausura comezou cunha demostración de kempo, trala que Adriana Miguéns e Alfonso Pérez, amic@s activistas e membros de Integrados, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes e conducir o acto.
Con respecto ao proxecto, o director xeral de Amicos, Xoán España, sinalou que “esta iniciativa reforza a nosa aposta pola innovación social, polo traballo constante por romper as barreiras para conseguir que todos e todas poidamos desenvolvernos en aqueles ámbitos que nos interesan e que desfrutamos, con independencia das nosas circunstancias. O ocio é vital para desenvolvernos como persoas, e é necesario visibilizar a importancia de contar con deporte e unhas instalacións adaptadas e inclusivas como un paso máis para acadar unha cidadanía compartida e en igualdade de condicións”.
Tras un breve resumo das conclusións acadadas polo equipo do proxecto e as distintas accións deseñadas e promovidas ao seu abeiro, realizouse unha rolda de intervencións de profesionais do sector. A primeira foi a concedida por Xabier Vidal, educador social e técnico de Tuxeleires Club Rugbi Inclusivo, que estivo acompañado por Ángel Bueno, un dos xogadores do equipo.
A continuación foi a quenda de Carmen Touza, xerente e fundadora de ENKI, que explicou como dende a fundación traballan para demostrar que o deporte e o ocio son vehículos de inclusión e felicidade. Tamén interviron Vanesa e Brais da Fundación Igual Arte, que explicaron como funciona este espazo destinado a facilitar a expresión das persoas con discapacidade intelectual a través da arte.
Os e as asistentes tamén puideron desfrutar de distintos obradoiros, como o impartido por Tania Romeu, fundadora de INGENIA Neurología, sobre o sistema nervioso periférico. O acto tamén contou coa actuación dos acróbatas de Vuelta y Media.
O primeiro proxecto europeo de Integrados
‘Everyday is a training day’ é un proxecto de quince meses de duración, dividido en dúas etapas. Unha primeira parte centrada na investigación de boas prácticas no ámbito do deporte e o ocio, e a recollida das mesmas nunha guía de recursos que será difundida a través das redes sociais e entre a cidadanía local.
A segunda parte apoiouse nunha serie de obradoiros multiplicadores dirixidos a organizacións, persoal que traballa cun público xuvenil e con persoas con necesidades especiais. A través destes talleres capacitouse a estes profesionais en tácticas inclusivas, xestión de proxectos, promoción e avaliación en materias como actividade física ao aire libre e alimentación saudable. Tamén se ofreceron distintos recursos para levar a cabo a súa labor de forma accesible e inclusiva.
O proxecto naceu ao abeiro do programa Erasmus+, e foi froito da cooperación internacional entre entidades de España, Romanía e Macedonia do Norte. Así, o consorcio está formado pola Asociación Integrados, pertencente á entidade española Amicos, en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros. O proxecto conta coa financiación da Unión Europea.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047