- O obxectivo do evento foi crear un espazo seguro e inclusivo no que establecer sinerxias entre as entidades beneficiarias e financiadoras do fondo
- O evento tivo lugar no WHEN Hub de Atenas os días 7 e 8 de novembro
A técnica de Proxectos Europeos de Amicos, Sara Mohamed, trasladouse a Atenas os días 7 e 8 de novembro para participar no encontro presencial de entidades apoiadas por Alliance for Gender Equality in Europe.
A reunión, que se celebrou no espazo WHEN Hub da cidade grega, acolleu a un gran número de participantes de distintas entidades con sede en Europa que traballan con colectivos de mulleres migrantes, vítimas de violencia de xénero, traballadoras sociais e de coidados, mulleres con discapacidade, persoas do colectivo LGTBIQ+, ou outros grupos en risco de exclusión.
O obxectivo do encontro foi que @s integrantes destas entidades puideran desenvolver competencias útiles para a súa actividade, así como xerar un espazo para a aprendizaxe sobre o crecemento organizacional e igualdade de xénero e estimular o establecemento dunha rede de colaboracións entre as organizacións beneficiarias e financiadoras.
Para iso, crearon un espazo seguro e inclusivo no que o grupo puido compartir os seus puntos de vista mediante actividades de reflexión individual, distintas sesións interactivas e un debate aberto e inclusivo seguindo o método Word Café.
O fondo AGEE, con sede en Bruselas, é unha organización internacional comprometida coa promoción da igualdade de xénero en tódolos ámbitos da sociedade. A través de iniciativas educativas, campañas de sensibilización e programas de apoderamento, esta entidade traballa para eliminar as barreiras que impiden a plena participación e desenvolvemento das mulleres e persoas de xénero diverso.
Pioneras, un programa financiado por Alliance for Gender Equality in Europe
O proxecto Pioneras é unha iniciativa posta en marcha pola Fundación Amicos co apoio do Fondo de Oportunidades Económicas de Alliance for Gender Equality in Europe. Ao seu abeiro, un total de sesenta mulleres recibirán apoio psicosocial e de capacitación adaptado e individualizado antes de finais de 2025.
Unha das claves desta iniciativa é crear unha rede de apoio liderada por mulleres con discapacidade, que lles permita xerar un espazo de autoaxuda, e acceder facilmente a información do seu interese.
Nos últimos meses xa se realizaron tres accións formativas a máis de vinte cinco mulleres, así como sesións de orientación, e un diagnóstico preliminar para coñecer mellor a situación das mulleres con discapacidade no rural. Por diante quedan diversas actividades, entre as que destacan sesións de networking nas que participarán máis dun cento de mulleres e distintas empresas da zona.
Tamén se traballará con máis dunha vintena de empresas locais para que os negocios melloren as súas prácticas en materia de contratación inclusiva e igualdade. Neste senso, tamén impulsaremos o selo ‘Empresa pola igualdade e inclusión’, pensado para sensibilizar e apoiar os empregadores. Traballo co que se busca acadar máis dun 50% de insercións sociolaborais entre as participantes nos sectores verde e de economía circular.
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org