• O equipo da entidade leva varias semanas participando en actividades informativas e sensibilizadoras sobre esta temática no centro
  • O 25N tamén participamos en distintos actos conmemorativos organizados pola Xunta de Galicia e os Concellos de Ribeira, Lousame e Boiro

Dende o ano 1999, o 25 de novembro é sinónimo do Día Internacional da Erradicación da violencia contra a muller. Unha data coa que se busca visibilizar un problema social que afecta a unha de cada tres mulleres, e que supuxo o asasinato de 41 mulleres en España só no que vai de ano.

E para conmemorar esta data, dende Amicos quixemos participar nos distintos actos institucionais da contorna para poñer o foco na necesidade de traballar para eliminar a violencia machista.

 

 

 

 

Así, vari@s amic@s achegáronse ata Santiago para participar no encontro conmemorativo da campaña O machismo é violencia con todas as letras, organizado pola Xunta de Galicia. Mentras tanto, @s Pekes participaron no acto celebrado polo Concello de Ribeira, onde o alumnado dos centros educativos leron o manifesto Querida Nai, e se inaugurou unha placa en memoria da muller asasinada pola súa parella este ano en Palmeira.

Por outra banda, en Lousame @s amic@s participaron no acto institucional Quérome ben, onde leron o manifesto e deixaron unhas margaridas elaboradas por el@s mesm@s. Asemade, un grupo tamén se achegou ao acto organizado polo Concello de Boiro.

 

 


 
 

Actividades temáticas de sensibilización

En Amicos levamos unhas semanas traballando esta temática en distintos obradoiros e saídas. Actividades a través das que @s técnic@s de desenvolvemento facilitaron información sobre este “tipo” de violencia física, sexual e psicolóxica que mata a unha muller cada 10 minutos.

Así, a semana pasada o taller Igualámonos visitou o Museo de Historia de Valga, onde @s amic@s coñeceron a historia de La Bella Otero, vítima de violencia de xénero cando só era unha nena. Asemade, no centro realizaron dous murais temáticos sobre a violencia de xénero, así como decoración co nome dos valores contra os que atenta calquera tipo de violencia, pero en especial aquela dirixida contra as mulleres.

Tamén se elaborou un gran lazo coas fotos de mulleres da familia de Amicos, para representar a unión e a sororidade como rede de apoio contra calquera tipo de violencia ou discriminación.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org