• Contou coa participación de máis de 1300 persoas, entre escolares, equipo educativo e cidadanía da zona.
  • Ao evento asistiron a subdelegada do Goberno central na Coruña, María Rivas, a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o concelleiro de Política Social boirense, Raúl Treus, a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e varios integrantes de gobernos locais e asociacións da comarca.
  • Esta sétima edición do Festiritititi contou coa financiación do Grupo Jealsa a través do seu programa We Sea, e coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Grupo Nosa, Fesba, McDonald’s Rías Baixas e Mariscos Ángel Mar.

Este martes, 3 de decembro, conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e, por sétimo ano, en Amicos fixémolo a través do noso tradicional Festiritititi.

O pavillón de Barraña de Boiro acolleu a sétima edición deste gran festival da inclusión a través do xogo. O evento reuniu a máis de 1200 escolares e profesores dun total de 20 centros educativos de Barbanza e bisbarra.

Así, comezamos o mes de decembro cunha festa chea de xogos inclusivos, animación, obradoiros e moita música que non se quixeron perder a propia presidenta da asociación, Esther Vidal, e representantes institucionais como a subdelegada do Goberno central na Coruña,  María Rivas, Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, e Raúl Treus, concelleiro boirense de Política Social.

 

 

 

 

O festival da inclusión organizado pola asociación Amicos en Boiro aséntase como referente integrador na zona do Barbanza nesta sétima edición que acadou o seu récord de participación, e rompeu os números acadados na pasada edición.

A xornada comezou sobre as 11.00 horas coa chegada ao pavillón de Barraña dos alumnos e profesores dos 21 centros educativos que acompañaron aos integrantes da familia Amicos, tanto persoas con discapacidade intelectual como membros do equipo da entidade, nesta celebración. Así, participaron centros de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Lousame, Padrón e Dodro.

Mariana e Carolina foron as encargadas de darlle a benvida aos nenos e nenas, nunha presentación na que estiveron acompañados por Pilar Sampedro, responsable de centros. Tamén interveu Margarita Hermo, directora de Relacións Internacionais de Jealsa, a principal financiadora da xornada, que quixo destacar que dende a conserveira “estamos felices de estar na sétima edición do Festiritititi, e a verdade é que é un fito contar con vinte colexios, con nenos e nenas de toda a comarca que veñen a desfrutar do festival con toda a ilusión, que o que busca é achegarlle á xuventude a importancia de ser unha sociedade inclusiva para todos e todas”.

Hermo destacou que “nestes sete anos foron máis de setenta colexios os que a participaron e preto de 6000 nenos, e queremos pensar que eses rapaces e rapazas levaron esta mensaxe de inclusión ás súas familias, aos seus amigos, e que xuntos Amicos e Jealsa, a través do noso programa de RSC We Sea, estamos contribuíndo a crear unha sociedade para todos e todas. Tamén queremos agradecerlle á comunidade educativa e aos Concellos que posibilitan que o Festirititititi medre ano a ano, porque a inclusión é unha labor de todos/as”.

 

 

 

 

A continuación, comezou unha festa que contou con moitas actividades lúdicas de xogo inclusivo como o tres en raia, rompetestas, círculo mortal, escaleira ao arco da vella… Así como obradoiros de purpurina, creación de chaveiros, creación de figuras con globos, baile, expresión a través da arte ou de tatuaxes; e espectáculos. Todo elo conducido polas persoas con discapacidade de Amicos.

Asemade, a festa estivo encabezada por un verme xigante formado por globos e foi amenizada polo DJ Suso Jalaiko, que foi o encargado de poñer música ao evento. Así como animación para recibir e despedir aos nenos e nenas.

Tampouco se perderon esta festa que busca celebrar a diversidade e promover a integración das persoas con discapacidade a concelleira de Educación e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla, as de Servizos Sociais e Xuventude de Lousame e Padrón, Silvia Agrafojo e Mariló Saco; así como o presidente e a coordinadora de Cruz Vermella Boiro, Julio García e Natalia Romero.

Tamén asistiron representantes de asociacións e partidos políticos locais. Todos eles animáronse a participar no gran xogo central, o ‘Verme tolo’, no que cada un dos catro equipos tiveron que formar parte dun verme xigante formado por eles e por globos.

Esther Vidal, presidenta de Amicos, quixo destacar que “hoxe é un día moi importante para Amicos, posto que celebramos o Día da Discapacidade. Levamos seete anos celebrando o Festiritititi e é moi importante que os pequenos vexan que as persoas con discapacidade poden integrarse e ser felices, mediante unha integración real, que é o que se ve aquí”. Tamén tivo unhas palabras de agradecemento para “as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posible que o Festiritititi sexa un éxito”.

 

 

 

 

José Ramón Romero, alcalde de Boiro, comezou dándolle as grazas “a Amicos por invitarme a esta festa na que participan unha vintena de colexios da comarca de Barbanza e arredores. Para min, como alcalde, é un orgullo ver este pavillón ateigado de rapazada e quero darlle a noraboa á entidade por este tipo de eventos apoiados na idea da integración, coa participación de máis de ceno cincuenta persoas con discapacidade intelectual“.

A continuación foi a quenda da subdelegada do Goberno central na Coruña, María Rivas, que quixo “felicitar a Amicos pola celebración deste encontro que reúne a máis de mil rapaces e rapazas da contorna e, sobre todo, hoxe é un día de poñer en valor. Neste Día Internacional das Persoas con Discapacidade é necesario mostrar a importancia que teñen as entidades que, como Amicos, traballan con persoas con discapacidade e, sobre todo, coas súas familias”.

Asemade, destacou que este “é un traballo que realizan ao longo de todo o ano as asociacións, e dende as administracións temos a responsabilidade de estar ao seu carón e traballar conxuntamente. Dende o goberno de España estamos traballando tódolos días coas entidades, apoiándoas e mostrándolles que estamos con elas. Por iso hoxe era o día de estar aquí no Barbanza, compartindo coa rapazada e coas súas familias este día para darnos enerxías e folgos para construír unha sociedade máis xusta e cunha maior integración para todos e para todas”.

Yasmina Romero, integrante da familia de Amicos, tamén leu un manifesto no que reivindicou a papel das persoas con discapacidade como líderes da transformación cara unha sociedade máis inclusiva e equitativa. Un obxectivo a través do que conseguir “un deseño físico e dixital pensado para todos/as, xerar espazos de diálogo social donde se reflictan os retos aos que nos enfrontamos as persoas con discapacidade, os obstáculos e desigualdades que se nos presentan a diario, e que loitemos por promover políticas inclusivas en ámbitos como o educativo, laboral, social e a nivel de infraestruturas”.

 

 

 

 

A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, incidiu en que “é un autentico pracer estar no Festiritititi un ano máis, que con esta sétima edición demostra que chegou para quedarse, e dende a Xunta de Galicia alegrámonos porque pensamos que iniciativas coma esta son fundamentais para dar visibilidade. Cremos que para construír unha sociedade xusta e inclusiva é fundamental inculcar certos valores dende a infancia, e hoxe temos aquí un exemplo perfecto desas accións que hai que promover. O Día das Persoas con Discapacidade non debe quedarse só nun día no calendario, tódolos días temos que ter ese compromiso con elas, e por iso impulsamos cada vez máis programas, axudas, centros… E así o entende tamén Amicos, que fai un labor impagable no Barbanza a favor das persoas con discapacidade, por iso sempre apoiaremos a súa acción diaria”.

O Festiritititi 2024 foi posible grazas á financiación de Grupo Jealsa a través do seu programa We Sea, así como da colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Grupo Nosa, Fesba, McDonald’s Rías Baixas e Mariscos Ángel Mar; e dos Concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro.

 

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

LA VOZ DE GALICIA

CANAL BARBANZA

CANAL RÍAS BAIXAS

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

EL CORREO GALLEGO

XUNTA DE GALICIA

QUINCEMIL

EL PROGRESO

GALICI@PRESS

EL BIERZO DIGITAL

ZAMORA NEWS

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org