- O proxecto está financiado polo Programa de Empleo, Formación, Educación e Economía Social (EFESO) e do Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES).
- O obxectivo da iniciativa é apoiar ás persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social no mantemento de postos de traballo estables, ao tempo que se fortalecen os centros especiais de emprego.
O Informe do Mercado de Traballo das Persoas con discapacidade destaca que no 2023, os contratos acadados por persoas con discapacidade en España só representou o 1,77% do total de contratacións rexistradas nese ano. Esta fenda mostra todo o camiño que queda por andar para acadar unha sociedade inclusiva en tódolos aspectos, en especial no laboral.
Así, dende Amicos puxemos en marcha o proxecto AMI4CEI, que presentamos a mañá deste mércores, 11 de decembro, no Centro de Atención integral de Amicos. Esta iniciativa, conducida pola área de Alianzas con Persoas e Empresas, desenvolverá distintas actuacións laborais e formativas dirixidas a persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, co obxectivo de promocionar a contratación de persoas con discapacidade intelectual e/ou en situación de vulnerabilidade, como de consolidar os empregos inclusivos xa acadados.
A iniciativa contempla o acompañamento e orientación das persoas que accedan ao programa ao longo de todo o proceso laboral, dende a busca dunha oportunidade ata o mantemento sostido no tempo do posto de traballo. Por outra banda, tamén contempla o asesoramento e fortalecemento de empresas e entidades a través da formación do equipo, tanto en aspectos como a metodoloxía centrada na persoa como en habilidades concretas e traballo en equipo.
Así, a xornada comezou cunhas palabras de benvida do director xeral da entidade, Xoán España, tralas que se deu paso á intervención en diferido de Isabel Rueda, coordinadora da área de Fondos Europeos de CEPES. A continuación, arredor do medio cento de persoas asistentes puideron coñecer este proxecto, cuxo ámbito de actuación se estende ao longo da provincia da Coruña. Un territorio no que a taxa de inactividade laboral en persoas sen discapacidade se sitúa no 22% mentres entre persoas con discapacidade esta se incrementa ao 70%.
Tras unha breve presentación dos distintos servizos que o equipo do proxecto ofertará, que contempla tanto sesións de asesoramento e orientación individualizada para as 150 persoas que accedan ao mesmo como itinerarios formativos e un seguimento continuo unha vez conten cun posto de traballo para garantir o mantemento do emprego.
Neste senso, durante o acto tamén se presentou o caso de Álvaro Filgueira, traballador das Ecobrigadas, un claro exemplo de como se traballa dende a asociación boirense para estimular a consolidación do emprego a través do seguimento e orientación individualizado de cada persoa que chega á área de Emprego e Formación de Amicos.
Asemade, tamén se prevé realizar distintas accións para fortalecer as propias empresas e entidades, así como a creación interna de dúas ferramentas coas que estudar as necesidades e solucións dixitais da área de Emprego da entidade, así como desenvolver unha aplicación móbil e asistente virtual que facilite a atención das persoas beneficiarias desta área.
Un proxecto innovador cun impacto pioneiro
AMI4CEI estará operativo ata finais do ano 2026, cunha metodoloxía centrada na persoa que pretende establecer un sistema fluído de comunicación entre as empresas e os usuarios e usuarias traballadoras, no que Amicos os acompañará de preto en todo momento, apoiándose en ferramentas TIC pioneiras, como o uso da Intelixencia Artificial ou un software de xestión do talento integrado na propia web da entidade.
AMI4CEI é unha iniciativa posta en marcha por Amicos, coa financiación do Programa de Empleo, Formación, Educación e Economía Social (EFESO), e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), na calidade de organismo intermedio do programa EFESO.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047