- O delegado rexional Noroeste de Redeia, Fidel Rodríguez, puido coñecer en persoa o labor de Amicos, así como o papel dos nosos activistas medioambientais no marco das distintas iniciativas que levamos a cabo
- O obxectivo da visita foi estudar posibles alianzas en materia de coidado medioambiental mariño entre Redeia e Amicos
O delegado rexional Noroeste de Redeia, Fidel Rodríguez, a directora de Relacións Institucionais, Comunicación e Territorio da rede, María Gutiérrez, e o técnico de Innovación Social e Impacto Integral, Leopoldo Moro, achegáronse este xoves, 5 de decembro, ás instalacións do Centro de Atención Integral de Amicos para coñecer de primeira man en que consiste o labor da nosa entidade. Así, a través dun percorrido guiado por Yassin El Aamry, integrante de Amicos, e Pilar Sampedro, coordinadora de Centros, puideron coñecer os nosos servizos e obradoiros.
Durante a visita, na que estiveron acompañados por Xoán España, o noso director xeral, e Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas, o equipo da nosa asociación mostroulles en que consiste a metodoloxía centrada na persoa, na que se ofrece un apoio integral e individualizado a cada persoa con discapacidade intelectual que forma parte da familia Amicos, sempre acorde co proxecto de vida e as inquedanzas de cada integrante.
Así, puideron coñecer o traballo que se desenvolve en servizos como fisioterapia ou na sala de estimulación multisensorial. Tamén viron de primeira man como se desenvolven os distintos obradoiros de libre elección nos que participan os integrantes de Amicos, así como os ensaios que se están realizando para o próximo Festival de Nadal.
Os visitantes tamén se achegaron ao Fogar Amicos e á Fábrica +Social. A xornada contemplou ademais unha visita ás áreas técnicas da nosa entidade, como as áreas de Emprego e Formación, Fundraising e Proxectos, tanto nacionais como europeos.
Con todo, o punto forte da xornada foi coñecer algúns dos moitos proxectos medioambientais desenvolvidos pola nosa entidade. Así, vari@s dos nos@s activistas medioambientais encargáronse de explicarlles en que consiste cada unha destas iniciativas que eles mesmos lideran. Puideron así coñecer a labor realizada no marco de proxectos como Re-Mar, Amiríos, Cabalga ou Lab-Mar, entre moitos outros.
O obxectivo desta visita foi coñecer quen somos e que facemos, para explorar posibles sinerxías que poidan traducirse en alianzas en materia de coidado ambiental, especialmente relacionadas coa preservación de ecosistemas mariños.
Redeia, impulsando o cambio desde 1985
Redeia naceu hai case corenta anos como o primeiro Xestor de Rede de Transporte do mundo, e desde entón posicionouse como un grupo sólido e diversificado co propósito de garantir o subministro eléctrico e a conectividade, impulsando con criterios de sustentabilidade unha transición ecolóxica xusta, poñendo en valor a nosa neutralidade e contribuíndo á cohesión social e territorial.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047