• Este proxecto pioneiro en Galicia céntrase na restauración activa do fondo mariño e a limpeza e coidado do mar
  • CABALGA está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA)

 

Este mércores, 15 de xaneiro, unha parte do equipo de Amicos asistimos a unha formación sobre corais, algas e plantas mariñas no Centro de Atención Integral. A acción encádrase no proxecto CABALGA: Medidas innovadoras e inclusivas para a recuperación e conservación de comunidades bentónicas no Mediterráneo e Atlántico Galego, unha iniciativa pioneira posta en marcha polo Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, a Asociación Amicos e varias confrarías de pescadores de Galicia e Cataluña.

Durante o obradoiro, os e as participantes descubrimos información de interese para coñecer a fondo que e como se traballa no marco deste proxecto pioneiro a nivel galego, enfocado na restauración activa do fondo mariño e a limpeza e coidado do mar.

Para conseguilo, os corais e gorgonias son vitais, posto que son estructuras de seres vivos que funcionan como unha colonia, e que supoñen pezas de gran valor para o ecosistema mariño. Tamén o son as algas pardas e as plantas acuáticas como a zostera, medidoras dos ecosistemas e cuxa falta indica a presenza de problemas.

Así, durante a mañá descubrimos como se debe realizar a recuperación e restauración destas especies nas augas, e como se están a levar a cabo nas instalacións destinadas a este cometido do proxecto. Nas labores de recuperación, e tamén nas posteriores accións de sensibilización, as persoas con discapacidade intelectual da nosa entidade representan un papel fundamental.

 

 


 
 

CABALGA: Técnicas de restauración mariña en áreas protexidas

Ao longo do ano levaránse a cabo accións de restauración nas áreas protexidas Parc Natural de Cap de Creus, en Cataluña, o Parque Natural Ses Salines Eivissa i Formentera, nas Illas Baleares, e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Estas accións consisten na reintrodución de especies fundamentais para o equilibrio destes hábitats, como son as gorgonias, que proporcionan refuxio a unha infinidade de especies. Para isto aplicarase a “Metodoloxía Bádminton”, que consiste en devolver ao seu hábitat natural a especies capturadas accidentalmente durante a pesca de trasmallo, tales como gorgonias, posidonias e laminarias.

A continuación, o equipo de CABALGA realizará un traballo integral de seguimento e monitorización das especies restauradas a través de robótica mariña, co obxectivo de controlar a súa evolución e asegurar a súa conservación a longo prazo

CABALGA: Medidas innovadoras e inclusivas para a recuperación e conservación de comunidades bentónicas no Mediterráneo e Atlántico Galego. Iniciativa financiada pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org