- Adriana foi a encargada de conducir o percorrido a través do que Jaime Linares, xerente da Fundación José Otero, e Antonio Linares, secretario da mesma, viron a actividade do Centro de Atención Integral
- Ao longo da mañá visitaron varios dos servizos de apoio que se prestan no centro e coñeceron da man da familia de Amicos algúns dos proxectos medioambientais e os obradoiros de libre elección
A familia de Amicos recibimos este xoves, 30 de xaneiro, a visita de Jaime e Antonio Linares, xerente e secretario da Fundación José Otero – Carmela Martínez, unha das entidades colaboradoras da nosa asociación.
Así, ao longo da mañá, ambos puideron coñecer as últimas melloras do noso Centro de Atención Integral, así como varios dos proxectos e actividades que levamos a cabo nos últimos meses. Todo isto da man de Adriana Miguéns, beneficiaria do Fogar Amicos e activista medioambiental, á que acompañaron Pilar Sampedro, coordinadora de Centros de Amicos, e Xoán España, director xeral da entidade.
Ao comezo da visita Adriana quixo compartir con Antonio e Jaime os nervios e as ganas que ten de participar na presentación de CABALGA: Medidas innovadoras e inclusivas para a recuperación e conservación de comunidades bentónicas no Mediterráneo e Atlántico Galego, un proxecto pioneiro que a levará a Barcelona esta mesma semana. Tamén aproveitou para falarlles doutras das súas iniciativas favoritas, como O Pensadoiro.
A continuación visitaron o servizo de fisioterapia, onde puideron ver como traballan as persoas con mobilidade reducida e grandes necesidades de apoio, así como algunhas das ferramentas que facilitan e estimulan a súa experiencia, como é o caso do bipedestador.
Outro dos puntos fortes da visita foi a aula de estimulación multisensorial do CAI, ata a que se achegaron algúns dos pekes para mostrarlles como un espazo deste tipo os axuda a traballar distintos aspectos, tanto sensoriais como relacionados coa concentración e a atención.
Acto seguido, varios dos activistas medioambientais de Amicos explicáronlles algúns dos proxectos nos que participan. A través de distintas accións e xogos, os invitados puideron coñecer os obxectivos de cada un e algunhas das actividades englobadas dentro de cada un deles. Asemade, Jaime animouse a participar no gran xogo dos ODS, no que se enfrontou a unha rolda de preguntas da que saíu vitorioso.
O percorrido continuou pola área de Alianzas con Empresas e Persoas e Transformación, onde coñeceron a parte do equipo que traballa en Amicos. Tamén visitaron o Fogar Amicos e achegáronse a varios dos obradoiros nos que participan tanto as persoas que acuden ao Centro de día como aquelas que conviven no centro residencial.
En definitiva, unha mañá do máis divertida e enriquecedora. Esperamos que durante unhas horas lles devolveramos algo do que nos ofrecen grazas a unha colaboración constante dende fai case nove anos. Grazas ao equipo da Fundación José Otero – Carmela Martínez.
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org