- Ao acto acudiron distintos representantes de concellos da zona, entre eles José Carlos Vidal, alcalde da Pobra, e de confradías do Barbanza
- Climability é unha iniciativa posta en marcha por Amicos co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021 – 2030
O proxecto Climability: Solucións inclusivas e sostibles para a adaptación do cambio climático chegou ao seu fin nun gran acto de clausura celebrado este mércores, 29 de xaneiro, no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal. A iniciativa, liderada pola nosa entidade, contou co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
O evento arrincou coa benvida da nosa presidenta, Esther Vidal, que agradeceu a presenza e o apoio de tódalas persoas e entidades que apoiaron o acto e o proxecto. A través das súas palabras e quixo poñer o foco unha vez máis “no esforzo das verdadeiras protagonistas da iniciativa, as persoas con discapacidade intelectual, que deixan unha pegada que vai máis alá do proxecto. O seu traballo é o exemplo de que cando ofreceos oportunidades, non hai límite para o que podemos lograr xuntos”.
A continuación foi a quenda do director xeral, Xoán España, que destacou que a importancia de tomar en serio os serio os datos acadados no marco do proxecto “a idea é que, a partir destes datos, seguir traballando como estades facendo, en proxectos inspiradores que vaian cambiando a realidade. E sobre todo chamar á conciencia medioambiental e ao activismo, que sigamos plantando a semente para dar froitos a outras entidades. Este estudo sírvelle de base a outras entidades e aos equipos dos concellos para ver que medidas adoptar para adaptase aos cambios que conlevan o cambio do clima”.
De seguido, o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, destacou a labor de Amicos “e que se involucren en proxectos que tratan temas como este, pola importancia que ten para a nosa sociedade, e para o mundo en xeral, o cambio climático. Por iso penso que iniciativas deste tipo, como as levadas a cabo por Amicos, son fundamentales e moi importantes, non só para concienciar senón tamén para traballar en adaptarse ao que nos espera de cara ao futuro”.
Pola súa banda, Lola Gómez, técnica de proxectos da entidade, foi a encargada de explicar en que consiste o cambio climático e como este afecta e afectará á comunidade autónoma galega. A continuación foi a quenda de Adriana Miguéns, activista medioambiental de Amicos e conductora do evento.
Ela foi a encargada de presentar as principais liñas de traballo do equipo de Climability: Solucións inclusivas e sostibles para a adaptación do cambio climático. Así, destacou o seu carácter de activismo medioambiental e de integración social conducida por persoas con discapacidade intelectual. Tamén falou de como a iniciativa buscou “reducir os danos provocados polo cambio climático e fomentar unha sociedade que poida adaptarse mellor a este aplicando o que observamos na natureza, a través das Solucións Baseadas na Natureza”.
A continuación, o técnico de desenvolvemento rural da Fundación Juana de la Vega, Daniel Canosa, explicou as principais conclusións achadas no estudo A incidencia do cambio climático na comarca do Barbanza e as SBL para a resiliencia climática, elaborado no marco do proxecto.
Se ben a investigación indica como o cambio climático incide nas comarcas do Barbanza e de Verín, durante a exposición o técnico centrouse nesta costa coruñesa, ao tempo que sinalou as principais problemáticas ambientais e climáticas e a análise das posibles Solucións Baseadas na Natureza (SBN) que poderían ser postas en práctica para contribuír a minimizar os impactos do cambio climático.
O cambio climático dende distintos eidos
Climability non só é un proxecto de activismo sobre o cambio climático, é tamén unha iniciativa de integración social conducida por persoas con discapacidade intelectual. Para iso, un grupo de dez axentes e activistas medioambientais de Amicos participaron en distintas formacións sobre esta temática para especializarse e converterse en promotores das accións de sensibilización e información.
Así buscouse establecer redes inclusivas comarcais de traballo e apoio de iniciativas relacionadas coas solucións baseadas na natureza que permitan unha mellor adaptación o cambio climático.
Climability conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021 – 2030.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047