- Este martes visitaron o centro representantes das tres entidades para coñecer á familia de Amicos e as actividades que se desenvolven no centro
- Yassin foi o encargado de conducir o percorrido e mostrarlles as distintas áreas, así como os obradoiros nos que participan
O Centro de Atención Integral de Amicos recibiu esta semana a visita de Marcos Ortega, Lucía Ramos e Pablo Guillamette, do grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Universidade da Coruña; Álex de la Fuente, do Instituto de Investigación Biomédica A Coruña; e Xavi Farga, Ánxo Vidal e Ana Murcia, da consultaría de innovación Incotec.
O grupo achegouse ata a nosa sede en Boiro este martes, 4 de febreiro, para coñecer de primeira man o traballo diario na entidade e os múltiples proxectos de innovación social e/ou medioambiental que se desenvolven dende a nosa asociación. Así, foi unha xornada marcada pola aprendizaxe mutua, a colaboración e a inspiración.
A visita comezou cunha benvida por parte de Yassin El Aamry, beneficiario do Fogar Amicos e activista medioambiental, Pilar Sampedro, coordinadora de centros, e Xoán España, director xeral de Amicos. Eles foron os encargados de compartir cos visitantes a nosa historia e evolución nos últimos anos.
A continuación, Yassin conduciu a visita polo centro, na que o grupo percorreu as instalacións do centro, descubrindo os distintos servizos que se ofrecen, desde formación e emprego ata fisioterapia e actividades de ocio inclusivo. Así, os profesionais tiveron a oportunidade de coñecer de preto a labor que o equipo de Amicos desenvolvemos no eido da atención e a inclusión de persoas con discapacidade intelectual, trastorno de espectro autista ou dano cerebral.
Asemade, os beneficiarios e beneficiarias foron os encargados de mostrarlles os distintos obradoiros de libre elección nos que participan. Tamén quixeron facer partícipes aos visitantes dos proxectos medioambientais que conducen, tanto a través de xornadas de sensibilización como con accións de coidado e restauración ambiental. Nelas ensinan e traballan man a man con escolares, traballadores de empresas aliadas e distintos colectivos sociais.
A UDC e Amicos comparten o compromiso de construír unha sociedade máis inclusiva e innovadora, e esta visita abre novas vías de colaboración para seguir avanzando nese obxectivo común. Seguimos sumando forzas para construír o futuro!
Para máis información:
981 865 716
658 753 047