- O encontro, organizado por Amicos e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), tivo lugar na sede de Nordés Club Empresarial da Coruña
- Baixo o título Impacto social y rentabilidad: cómo poner en marcha una transformación sostenible, un gran número de profesionais compartiron as súas experiencias e ideas sobre como facer compatible unha actividade sostible e rendible.
A mañá deste mércores, 5 de febreiro, organizamos coa Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) unha nova edición do encontro ‘Impacto social y rentabilidad: cómo poner en marcha una transformación sostenible’; na que se deron cita máis de oitenta directivos e directivas. No evento, celebrado en Nordés Club Empresarial da Coruña, distintos profesionais compartiron a súa experiencia para aclarar se é compatible a rendibilidade cunha actividade que xere impacto social e ambiental.
O evento arrancou cunha benvida da directora en Galicia de APD, Mercedes González, o director xeral de Amicos, Xoán España, e o director de Nordés Club Empresarial, Gabriel Barrós. Durante esta primeira intervención, Xoán España destacou que “o futuro está nas alianzas; innovar e crear sinerxias con outros actores é fundamental para levar proxectos grandes adiante”. Tamén subliñou que as empresas máis resistentes no tempo son as que coidan das persoas e do medioambiente.
ESG: un cambio de mentalidade necesario
A continuación, Silvana Alfaya, directora de ESG Assurance, Sostibilidade e Bo Goberno de KPMG en Galicia, explicou o impacto que supón a aplicación da Directiva sobre información corporativa en materia de sostibilidade.
Alfaya explicou que “é un cambio de paradigma, apoiase na rendición de contas en tódolos aspectos relacionados co impacto que produce unha corporación: traballadores, consumidores, comunidade… Esta aplica as mesmas regras para toda Europa, e conduce a que a información reportada vaia encamiñada a sinalar cara a onde se dirixe a compañía e como está traballando para acadar os seus obxectivos”.
Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, foi o encargado de moderar unha mesa redonda sobre como a ESG inflúe na estratexia das compañías. Nela participaron a directora de RSE, Comunicación e Estudos de mercado de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; e a directora de Comunicación e Sostibilidade de ALUMAN, Carla Faginas.
A sostibilidade como investimento de futuro
Carla Faginas destacou que “en Europa e España xa hai moita concienciación sobre sostibilidade, pero o reto é que o ámbito financeiro a vexa como unha inversión e non coma un gasto”. Gabriela González fixo fincapé no papel das pemes, sinalando que “a esencia dunha empresa debe ser facer as cousas cada vez mellor e da maneira máis sostible”.
O evento pechouse cunha mesa de debate con Javier Castiñeira, xefe global de Saúde, Seguridade e Medio ambiente & Sostibilidade de RESONAC, María Sande, xefa de Comunicación Noroeste Iberia en Coca-Cola Europacific Partners, e Mariví Sánchez, directora de Sostibilidade e Comunicación de Nauterra España, do Grupo Calvo.
Todos eles coincidiron no “poder das alianzas para conseguir que os cambios teñan lugar“. Asemade, destacaron a importancia de colaborar, crear confianza e manter unha comunicación fluída para avanzar cara a un futuro sostible.
A mensaxe principal deste encontro foi clara: sostibilidade e rendibilidade non son conceptos opostos, senón que deben ir da man para garantir o éxito empresarial a longo prazo. Crear sinerxias, integrar criterios ESG e ter unha visión estratéxica con impacto positivo son claves para que as empresas do presente tamén sexan as do futuro.
Desde Amicos, seguiremos traballando en iniciativas que promovan a inclusión, a sostibilidade e a innovación social, porque sabemos que xuntos podemos xerar cambios reais.
Sobre APD
A Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) é unha organización independente sen ánimo de lucro, cuxo foco dirixido aos directivos e os retos que abordan no seu desempeño profesional.
En APD celébranse anualmente máis de 900 actividades. Dende a entidade crearon un entorno estable e riguroso de networking, formación, desenvolvemento directivo e intercambio de ideas. Así, o contacto cos expertos prodúcese nun ecosistema exclusivo, no que discuten auténticas solucións a retos que nos sinalan a todos.
APD ten cobertura en toda España, grazas á súa presenza territorial, con sedes en Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Santiago de Compostela, Mallorca e Tenerife. Así como subsedes repartidas por 17 Comunidades Autónomas; e presenza internacional en Colombia, Perú, Ecuador, Portugal y Marruecos.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047