- Este luns, 24 de febreiro, realizouse no Centro de Atención Integral de Amicos a primeira reunión do Comité Social do proxecto, á que acudiron varios actores relevantes da zona
- O proxecto Arousa-lab busca poñer en valor a labor e a cultura mariñeira das comarcas da Ría de Arousa, subliñar as boas prácticas do sector a través do reforzo positivo e a restauración mariña de gorgonias e laminarias.
- Arousa-lab está impulsada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia e a asociación Amicos, no marco do proxecto A-AAGORA, financiado por Horizonte Europa
A Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a nosa entidade impulsamos Arousa-lab, unha iniciativa como rexión asociada do proxecto matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), enfocado na restauración dos océanos e augas para o 2030.
No marco deste proxecto, a mañá deste luns, 24 de febreiro, celebramos a primeira reunión do Comité social na nosa sede de Comoxo. Nela participaron a directora territorial na Coruña da Consellería do Mar, María José Cancelo, acompañada polo delegado territorial en Ribeira, Fernando Estévez, e o director xeral de Amicos, Xoán España.
Entre os convidados que se achegaron á reunión estiveron o presidente de OPMEGA, Ricardo Herbón; a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR, Rosa Chapela, así como Anxo Mena, técnico de Proxecto de Control e Xestión do Medio e Recursos Mariños do mesmo; a responsable de I+D+i do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Ángeles Longa; Juan José Rial Millán, patrón maior da confradía da Illa de Arousa; así como José Carlos Mariño e Adelo Freire, técnicos das confradías de Cambados e Noia respectivamente.
O obxectivo desta primeira reunión foi presentarlle a iniciativa aos posibles membros do Comité Social, actores de relevancia do sector mariñeiro da zona. Así, durante a mesma os representantes das comunidades locais compartiron a súa visión da situación e as boas prácticas que poden aplicarse para continuar coa boa labor que desenvolven.
Arousa-lab, busca poñer en valor o traballo e a cultura mariñeira da zona, e afondar na labor que desenvolven os distintos actores da rexión mediante o reforzo positivo das súas boas prácticas. Tamén se contemplan distintas accións de restauración do fondo mariño, así como o estudo das solucións baseadas na natureza que poden aplicarse para adaptarse ao cambio climático.
Un espazo para a posta en valor dende o reforzo positivo
Ao comezo da xornada, María Cancelo, directora territorial da Consellería do Mar na Coruña, destacou que “queremos que este sexa un espazo de escoitar e no que tódolos actores sociais que forman parte da Ría de Arousa, e do seu desenvolvemento pesqueiro, marisqueiro e acuicultor, poidan falar da súa experiencia”.
Tamén fixo fincapé na finalidade de Arousa-lab, que busca “poñer en valor a nosa cultura, unha sabiduría recollida ao longo anos, e pensar xuntos no futuro, na conservación dos valores desta ría. Sobre todo tendo en conta a riqueza e a biodiversidade coa que conta, e vendo como podemos poñela máis en valor. Todo nun espazo cómodo no que poidamos poñer en común as nosas ideas para desenvolver o sector nun espazo natural tan privilexiado, fundamental a nivel europeo”.
Durante a rolda de prensa, o director xeral de Amicos quixo “agradecer á Consellería do Mar por elixir a Amicos como elemento dinamizador do proxecto A-AAGORA, no que se buscan crear grupos de traballo que pensen diferente e constrúan cousas innovadoras. O encargo nesta ocasión é falar e poñer en valor a nosa cultura, a mariñeira, e falar das cousas que se fixeron ben ata agora, que nos supuxo, riqueza, traballo e conservación do medios”.
Asemade, quixo recordar que “o sector na zona está asentado sobre o traballo artesán, con pequenas embarcacións que recollen día a día os seus produtos. Tamén traballaremos na restauración do fondo mariño, en especial das gorgonias e os bosques de kelp”.
Pola súa banda, a responsable de I+D+i do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Ángeles Longa, destacou que “estamos orgullosos do noso das familias que traballan tanto no mar como nas actividades de terra relacionadas con este medio. Que todos contribuamos da man a que cada vez máis xente poida vivir con orgullo destes traballos, algo que hoxe intentaremos reforzar para que esta tradición que suma centos de anos continúe a avanzar para que a xente da contorna, así como os seus fillos e os que veñan, poidan seguir vivindo disto”.
A continuación foi a quenda dos nosos axentes medioambientais, que foron os encargados de introducir os distintos proxectos medioambientais que se desenvolven dende a entidade. Eles e elas son os encargados de conducir ditas actividades, en especial aquelas dirixidas á sensibilización, información e restauración do medio ambiente.
Comité social
O equipo de Arousa-lab e Amicos queremos agradecer o tempo e a disposición do tódolos axentes locais que participaron nesta primeira reunión do Comité social.
Grazas por aportar a vosa experiencia e coñecementos para identificar e ofrecer solucións aos retos que se lle presentan ao sector, así como as boas prácticas que debemos continuar a aplicar. O seu compromiso fixo posible unha reunión do máis enriquecedora e productiva.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047