• A entidade boirense celebra o seu tradicional festival de carnaval cun desfile no que participaron os beneficiarios da asociación e as súas familias
  • A temática deste ano xirou en torno ás feiras de atraccións ambulantes

 

Galicia está en plena celebración dunha das festas máis divertidas do ano: o Entroido. E un ano máis, a familia de Amicos engalanámonos para participar desta celebración e desfrutar dunha xornada cargada de disfraces, música e moita diversión.

Este xoves, 27 de febreiro, o Centro de Atención Integral de Amicos converteuse nunha gran feira ambulante, onde o patio exterior serviu de escenario para un desfile cargado de atraccións, churros e moita música.

Con este tema central, os e as participantes dos distintos obradoiros desfilaron polo corredor central do Centro de Atención Integral a partir das 12.00 horas para mostrar os seus disfraces grupais, nos que levan traballando varias semanas.

 

 

 

Os preparativos estendéronse arredor de dúas semanas, durante as que os mozos e mozas crearon tanto os seus disfraces como a decoración do centro, que incluíu dende un posto de algodón de azucre ata un posto de palomitas.

Os encargados de abrir o desfile ao ritmo da música foron o grupo ‘Os toritos bravos’, aos que seguiron o grupo ‘Os que jastan pista’, caracterizados de coches eléctricos. A continuación foi a quenda dos Pekes e a súa ‘Viaxe á ilusión’, na que representaron un gran carrusel, e tralos que desfilaron o grupo de ‘O saltón’.

Durante a segunda metade do desfile, pasearon polo corredor ‘Flocos de millo, cola e DJ Otilio’  e ‘O tren da bruxa’. Tampouco faltaron ‘@s churreir@s de Maruxa’ e ‘Os viaxeiros do Barbanza’, que prepararon un gran barco vikingo dos non faltan neste tipo de festas.

 

 

 

 

Ao remate do desfile, foi a quenda da entrega de diplomas entre @s participantes. Despois dunha intensa deliberación, o xurado formado por familiares e técnic@s, nomearon:

  • Mellor disfrace – O tren da bruxa
  • Mellor caracterización– Os toritos bravos
  • Mellor maquillaxe – O saltón
  • Mellor baile – @s churreir@s de Maruxa
  • Mellor carroza – Os viaxeiros do Barbanza
  • Os máis simpáticos – Os que jastan pista’
  • Mellor ambientación de feira – Viaxe á ilusión

O tribunal estivo formado por Nerea Montero e Iván Sánchez, alumnos-traballadores da formación dual Oficina de validación cognitiva; Teresa González e Marina, familiares de beneficiarios da entidade, e Araceli Rial e Paula Santamaría, traballadoras da mesma.

Tralo concurso, os amicos e amicas desfrutaron xuntos dun día cheo de música, doces típicos, baile e moita diversión.

 

 

Carnaval en Pekes

Ademais da celebración deste xoves, os cativos e cativas da área de Pekes festexarán un pequeno entroido no centro de Amicos en Oleiros. Alí desfrutarán dunha mañá chea de música, baile, diversión e unha merenda conxunta. Se ben o xoves se adentraron nunha feira do máis intensa, o venres a rapazada poderá escoller o traxe que máis lle apeteza.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org