- A entidade boirense únese un ano máis á campaña impulsada por Autismo España, que nesta ocasión leva como lema Somos Infinitos
- Ao acto acudiron a vicepresidenta da entidade, Digna Iglesias, e os concelleiros de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla; de Sanidade, Juan Luís Furones; de Medio Rural e Servizos Municipais, Tania Redondo; o concelleiro de Servizos Sociais e Mercados Municipais, Vicente Mariño; e do Mar, Fernando Abraldes.
A asociación Amicos organizou este mércores, 2 de abril, unha xornada especial para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. O evento desenvolveuse no antigo auditorio de Ribeira, onde se deron cita un cento de alumnos e alumnas de distintos centros escolares do concello e varios representantes e axentes institucionais e sociais da zona, así como integrantes do CEEPR e o Centro de Atención Integral de Amicos.
Alfonso, residente do fogar de Amicos foi o encargado de ler o manifesto no que se puxo o foco en que cada persoa con trastorno do espectro autista posúe unhas particularidades e necesidades propias, polo que son necesarios uns apoios individualizados, para o que as administracións públicas son esenciais. E dende pekes Aroa, Mateo e Fran destacaron a importancia dunha educación inclusiva, así como dunhas actividades extraescolares adaptadas e accesibles a tódolos nenos e nenas. Todos estiveron acompañados pola coordinadora de Amicos, Nuria Fernández.
Esta xuntanza contou con alumnos e alumnas do CEIP O Grupo, o CPR Bayón e o CPR Galaxia, aos que acompañaron tamén a concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla; o concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furones; de Medio Rural e Servizos Municipais, Tania Redondo; o concelleiro de Servizos Sociais e Mercados Municipais, Vicente Mariño; e do Mar, Fernando Abraldes. Así como a vicepresidenta da entidade, Digna Iglesias; e usuarios de A creba, e representantes de Agadea, Cruz Vermella, Ágape e Barbantea, entre outros representantes sociais da localidade.
Tralo manifesto Cruz Rivadulla, concelleira de Educación de Ribeira, destacou a dificultade que teñen os rapaces con TEA á hora de comunicarse e aprender; por iso “precisan persoas que os axuden, non só os especialistas senón tamén os compañeiros. Neste senso, fixo un chamamento aos escolares “cando teñades un compañero no patio que ten problemas para explicarse pídovos que teñades empatía”. Rivadulla terminou a súa intervención pondo o foco no máis importante da educación: “saber tratar aos compañeiros, sobre todo cando precisan axuda”.Digna Iglesias, vicepresidenta da entidade boirense, puxo o aceno na importancia que ten este 2 de abril: “hoxe é un día moi especial para Amicos porque é unha maneira de daros as grazas e que vexades os problemas diferentes que hai e que se poden solucionar”; ademáis da importancia que ten contar coa cativada e os demais sectores da sociedade para traballar neste tipo de accións”.
Dende Agape de Ribeira tamén se falou da necesidade de “traballar pola inclusión que aínda é unha utopía”. Así como Olga Moledo de Barbantea quen indicou que “pouco a pouco imos chegar á inclusión real”.
A continuación realizáronse distintas dinámicas lúdicas co obxectivo de derribar falsos mitos sobre o TEA. Así, os axentes de Amicos conduciron un Pasa a palabra no que había que adivinar distintos conceptos relacionados con este trastorno, e un Quen é quen, que tiña como obxectivo descubrir algunhas das ideas preconcibidas que circulan sobre o TEA.
O obxectivo destes xogos é resaltar que cada caso de cada persoa con trastorno do espectro autista é único, e que os falsos mitos só se derruban con información e inclusión.
A campaña #somosinfinitos
Arredor dunhas 500.000 persoas teñen trastorno do espectro autista en España, o que indica unha prevalencia de 1 persoa por cada 100 nacementos. E a pesar do incremento na inclusión e a normalización do TEA nos últimos anos, este segue estando rodeado de mitos.
Un ano máis, o obxectivo da campaña impulsada por Autismo España é resaltar que cada caso e persoa é única. Por iso, é importante concienciar sobre a importancia e a necesidade duns apoios especializados e individualizados que se adapten á etapa do ciclo vital de cada unha destas persoas. E para conseguilo é vital reclamar unha maior implicación de tódolos axentes sociais para a defensa dunha boa calidade de vida e unha sociedade equitativa, en igualdade de condicións.
Para máis información:
T. 981 865 716
M. 658 753 047
hola@amicos.org