• Un proxecto de aprendizaxe mutua combinando as metodoloxías de ambas entidades e levando o aprendido á práctica co alumnado.

 

Termina un novo proxecto que mestura inclusión e dinamización xuvenil! Trátase de ‘Imagine! Reforzando a cidadanía activa e as competencias cívicas entre a xuventude e as persoas mozas con discapacidade’. Un programa no que se leva traballando nos últimos 18 meses coa axuda da Cooperativa italiana Lunetica de Bra (Cuneo). A alianza naceu no 2023 cando as compañeiras europeas propuxeron un proxecto, no que a través da súa metodoloxía baseada na educación e a socialización entre iguais (Peer Education), xunto coa da nosa entidade en materia de integración, enriqueceron esta aprendizaxe mutua.

Nesta primeira fase ambos equipos realizaron varias tarefas, entre elas unha formación en liña onde técnicos e especialistas expuxeron como se poñen en práctica as metodoloxías e os proxectos de cada entidade. Así, dende Amicos falamos de ocio inclusivo, programas escolares como o Integrascola, Patios Dinámicos, Badaboom, accións ambientais de sensibilización con colectivos como escolares, mocidade ou con outros sectores. Mentres dende Lunetica, explicaron os seus proxectos de atención a colectivos vulnerables en idade escolar e a metodoloxía Peer Education (educación entre pares) en institutos nos que a rapazada de cursos superiores e/ou con experiencia na participación, deseña e xestiona accións formativas non formais e participativas coa xeracións máis nova. Deste xeito, tratan temas de interese (discriminación, xénero, políticas xuvenís contra o bullying e polos valores democráticos) dun xeito atractivo que leva á xuventude a involucrarse activamente na comunidade. Tamén outro eixo en común coas compañeiras de Italia son os seus programas de apoio á economía social como Le Fontane, moi semellantes aos de Amicos. É o caso da Fábrica Social, onde se desenvolven un conxunto de actividades prelaborables destinadas ao adestramento de habilidades básicas nun contorno laboral ocupacional.

Como resultado desta formación, elaboramos e publicamos unha guía, Toolkit, para axudar a outras entidades a entender mellor estas boas prácticas e utilizalas no seu contexto. Ademais, puxemos en práctica todo o aprendido organizando o programa dos Pensadoiros. Reunións con grupos de rapaces e rapazas no que se promoveu a inclusión e a aprendizaxe entre iguais, creando ambientes de encontros e colaboración seguros. Nesta ocasión, foi posible grazas á colaboración do IES A Cachada, onde levamos a cabo varias sesións durante este curso, o que permitiu reflexionar sobre inclusión e  tolerancia. Os grupos mixtos traballaron conxuntamente arredor da expresión das emocións e do respecto pola diferenza e a diversidade nos diferentes ámbitos sociais.

Os encontros presenciais de grupos de rapazada de Boiro e de Italia nestes últimos meses puxeron o broche final a esta experiencia.

Dende Amicos queremos agradecer a cooperación prestada ao longo deste proxecto á Cooperativa Lunetica e tamén ao IES A Cachada. E agardamos poder continuar aplicando estas leccións aprendidas!