• A directora de Marketing e RSC de Gadis e o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos renovan unha alianza que cumpre xa cinco anos
  • Este convenio reforza o compromiso de Gadis coas iniciativas Festiritititi 2025, Calendario Solidario de Amicos 2026 e o Bosque Gadis, ubicado en Curtis

 

A directora de Marketing e RSC de Gadis, Melisa Pagliaro, achegouse este martes, 6 de maio, ao noso Centro de Atención Integral para asinar o novo convenio de colaboración entre o grupo empresarial galego e a nosa entidade. No centro recibiuna Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas da asociación, e Pilar Sampedro, responsable da área de Persoas que aproveitaron a visita para ensinarlle a recente ampliación e as novidades producidas nos últimos meses.

Ao longo da mañá tamén se discutiron as accións que se desenvolverán nos próximos meses ao abeiro desta colaboración, nunha xuntanza á que tamén asistiu a coordinadora de Responsabilidade Social Corporativa da empresa de distribución, Lucía Santos.

Mediante esta sinatura, Gadis comprométese un ano máis como socio principal do Calendario Solidario de Amicos 2026 e patrocinador do festival da inclusión Festiritititi 2025, todo un referente de inclusión escolar na comarca. Outro dos principais piares deste compromiso é a continuidade do Bosque Gadis.

 

 

 

 

Este consiste no cultivo de especies autóctonas na parcela ubicada no concello de Curtis, en cuxa plantación e mantemento interveñen persoas con discapacidade intelectual, o que supón un impulso laboral moi importante dirixido a incrementar as súas posibilidades de inserción nun mercado laboral con futuro, en especial a nivel autonómico.

A alianza entre Gadis e Amicos cumpre así cinco anos, durante os que ambas entidades traballaron conxuntamente pola a mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade. Neste senso, Melisa Pagliaro destacou que “para nós é un pracer estar aquí porque é un pracer apoiar a persoas que apoian a persoas e honranos. Estamos moi satisfeitos con este convenio porque xa nos sentimos parte da familia de Amicos, e cremos que será así durante moitos anos”.

Miguel Beiro, pola súa banda, salientou que “hoxe é un día moi importante para Amicos porque temos a sorte e a honra de recibir no noso centro a Melisa e Lucía en representación de Gadis para renovar o compromiso que temos ambas entidades. Para nós é fundamental contar con alianzas como esta de Gadis, que nos dota dunha estabilidade e que nos permite levar a cabo proxectos cada vez máis participativos, con máis alcance e máis impacto, movidos sempre pola ilusión. Estamos profundamente agradecidos pola súa confianza e porque queiran seguir mantendo esta alianza un ano máis”.

 

NOVAS EN MEDIOS

LA VOZ DE GALICIA

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org