• Adriana e Miguel volveron a poñerse detrás das cámaras para retratar aos asistentes á xornada RSE Creer para ver de Vegalsa-Eroski
  • O noso photocall inclusivo PA-TA-TA inclúe o servizo de fotografía instantánea, portafotos e un roll-up exclusivo

 

­O venres 30 de xuño volvemos á Finca Montesqueiro, en Oleiros, para participar na oitava edición da xornada de Responsabilidade Social Empresarial de Vegalsa- Eroski, que este ano levou como título Creer para ver. Alí, os nosos amicos Adriana Miguens e Miguel Cancelas foron os encargados de amenizar a pausa co photocall inclusivo PA-TA-TA.

Ao longo da mañá, distintos profesionais pasaron polo escenario deste acto, que nesta ocasión se inspirou no Ensayo sobre la ceguera, de Saramago, baixo o título Creer para ver. Así, a idea deste ano quixo poñer en valor a todas as persoas que cren que é posible acadar un mundo máis xusto e inclusivo.

 

 

 

 

E que mellor maneira de gardar o recordo deste día que cunhas fotos feitas polos nosos fotógrafos. Así, a gran maioría dos asistentes pasaron polo noso photocall inclusivo, no que Miguel e Adriana foron os encargados de inmortalizar o momento.

Asemade, non só recibiron unha fotografía instantánea do momento, tamén puideron escoller entre portafotos exclusivos e únicos, elaborados e decorados polos amicos e amicas do Centro de Día que asisten ao obradoiro de Barro.

 

PA-TA-TA, photocall inclusivo de Amicos

O servizo PA-TA-TA botou a andar no 2024 co obxectivo de favorecer a participación e a inclusión das persoas con discapacidade de Amicos en eventos sociais. A través deste tipo de iniciativas buscamos que as mozas e mozos se sintan parte da comunidade á que pertencen, así como contribuír a aumentar a súa autoestima e confianza.

A idea parte dun símil entre a fotografía de revelado instantáneo e un rasgo común nun gran número de persoas con discapacidade: a falta de filtros.

O servizo, que está dispoñible para contratacións, inclúe o servizo de fotografía instantánea, un roll-up exclusivo, fotos e portafotos únicos elaborados polos amicos e amicas.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org