- A festa realizouse este venres, 20 de xuño, no Centro de Atención Integral de Amicos
- Durante a xornada, os amicos e amicas participaron en xogos tradicionais, na procura das sete herbas do San Xoán, e degustaron sardiñas asadas
En Amicos adiantámonos un ano máis á celebración do San Xoán, cunha gran festa temática no Centro de Atención Integral de Boiro. A xornada, que celebramos este venres 20 de xuño, estivo chea de xogos, sorpresas e as grandes protagonistas da celebración: as sardiñas asadas.
Os e as participantes, integrantes da familia de Amicos tanto do Centro de Día como residentes do Fogar Amicos, desfrutaron de distintas actividades lúdicas adaptadas e inclusivas. Entre elas xogos como o pano, pónlle a cola ao burro, o desplume da galiña, bádminton, ou o paracaídas.
Tampouco faltou a tradicional xincana para procurar as sete herbas do San Xoán. Durante parte da mañá, os participantes buscaron plantas como xesta, fiuncho, herba luisa, fento, romeu, malva e a abeloura. Imaxes dos vexetais que durante a noite do San Xoán se deixan a remollo para preparar a tradicional auga purificadora.
Tralos distintos xogos, chegou o momento de degustar o prato oficial desta festividade coa que damos a benvida ao verán: as sardiñas asadas.
Xa pola tarde o grupo lanzou o gran conxuro da queimada, ao que seguiu unha gran celebración chea de música e baile.
Un ano máis, o equipo da entidade boirense decidiu adiantar a celebración desta festividade tan importante na cultura galega. O motivo é posibilitar que integrantes do Centro de día, Centro ocupacional e Fogar Amicos poidan celebrar esta festa xuntos e en compañía d@s membros do equipo da entidade.
Un fin de semana temático
Durante os próximos días continuarán as actividades sobre esta temática tanto dentro como fóra do Centro de Atención Integral de Boiro, co obxectivo de que as mozas e mozos desfruten ao máximo desta festividade, de gran importancia na nosa cultura.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047