• Este mércores, 25 de xuño, varias traballadoras e membros do equipo de voluntariado social de Jealsa descubriron o proceso de cultivo e restauración de algas laminarias da man de Amicos
  • Ao longo da tarde visitaron o laboratorio de algas da entidade e embarcáronse para participar na devolución das laminarias ao mar

 

Oito persoas do equipo de voluntariado social de Jealsa visitaron este mércores, 25 de xuño, o Centro de Atención Integral de Amicos para mollarse literalmente nun proxecto que está a cambiar o fondo do mar: a restauración dos bosques de kelp na ría de Arousa. A conserveira, a través do seu programa de sostibilidade We Sea, quixo coñecer de preto o labor pioneiro que desenvolven os nosos activistas medioambientais.

Durante a visita, guiada polos axentes Adriana, Héctor e Ramiro e a intervención das activistas de Natura II e o noso director xeral da entidade, Xoán España, os oito membros de Jealsa, entre eles Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais; percorreron as distintas fases do proceso de recuperación desta alga mariña esencial para o equilibrio ecolóxico das nosas rías.

No laboratorio, os axentes medioambientais especializados neste tema presentáronlles os gametofitos, a fase reprodutiva da alga, que se cultivan en tanques especiais ata estar listos para volver ao mar. Alí faláronlles de como é preciso recoller no mar as esporas de laminaria e coidalas ata que se converten nestes gametofitos que habitan en Amicos.

 

 

 

 

Despois de moitos coidados e un intenso monitoreo do seu crecemento, as algas aférranse as pedras que as acompañarán no seu regreso ao mar. Pedras coas sementes de alga que os visitantes puideron recoller para o seu seguinte paso: o regreso ao océano.

A acción culminou no porto de Aguiño, onde embarcamos para reinsertar un total de 95 laminarias en zonas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, elixidas por ofrecer as mellores condicións para o seu crecemento. Un xesto simbólico e real ao mesmo tempo, que contribúe a restaurar o equilibrio dos ecosistemas mariños galegos, tan ricos como fráxiles.

Unha xornada que conxugou diversión, boa compañía e moita aventura medioambiental.

 

Unha aposta sostida pola biodiversidade mariña

A restauración activa dos fondos mariños é unha das nosas liñas estratéxicas, que acadamos a través dos nosos proxectos de concienciación e acción ambiental. Nos últimos meses, a entidade logrou devolver ao mar máis de 450 gorgonias, 765 laminarias e 1.000 unidades de zoostera mariña, coa colaboración de entidades como Jealsa e o compromiso dos seus activistas medioambientais.

 

Sobre We Sea

We Sea é o programa de Responsabilidade Social Corporativa de Jealsa, que engloba todas as súas accións en materia de sostibilidade e reflicte o compromiso real da empresa co futuro do planeta. Estruturado en cinco eixos —pesca responsable, calidade, enerxías renovables e medio ambiente, compromiso social e investimento en I+D+i—, We Sea representa unha folla de ruta decidida cara a unha economía circular máis xusta, eficiente e respectuosa co medio.

 

 

 

 

NOTICIAS EN MEDIOS

O BARBANZA

EL DIARIO DE AROUSA

LA VOZ DE GALICIA

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org