- Nos últimos meses, as accións realizadas no marco do proxecto involucraron a máis de 330 persoas, entre adult@s e cativ@s
- O proxecto Rutas sociais sostibles está impulsado pola Fundación Amicos e financiado por Ence no marco do seu V Programa marco de Responsabilidade social corporativa
Dende a Fundación Amicos puxemos en marcha o proxecto Rutas Sociais Sostibles, unha iniciativa que combina inclusión social e coidado do noso contorno natural. Iniciativa posible grazas ao apoio de Ence, no marco do seu V Programa de Responsabilidade Social Corporativa.
Este proxecto nace co firme propósito de crear espazos de convivencia nos que persoas con discapacidade intelectual poidan mellorar a súa autoestima, desenvolver habilidades sociais e sentirse parte activa dun cambio positivo. Ao mesmo tempo, buscamos aumentar a conciencia ambiental de toda a comunidade, a través de actividades que unen educación, diversión e compromiso co noso patrimonio natural e cultural.
Nos últimos meses organizamos xornadas de limpeza de praias con escolares e empresas, visionado de películas sobre temáticas ambientais e/ou sociais, xincanas ecolóxicas e un obradoiro de arte reciclado. Máis de 330 persoas, entre nen@s e adult@s, sumáronse xa a estas accións, demostrando que cada pequeno xesto conta.
O proxecto Rutas Sociais Sostibles contempla involucrar a unhas 50 persoas con discapacidade intelectual como activistas mediambientais, axentes activ@s na protección da natureza mediante a recollida de residuos e a identificación de especies autóctonas de flora e fauna. Temos marcado como obxectivo identificar polo menos 10 especies de cada grupo, fomentando así o coñecemento e respecto pola nosa biodiversidade.
Por outra banda, estimamos que esta iniciativa terá impacto directo en 700 persoas da comunidade educativa e en máis de 1.000 persoas da poboación xeral, promovendo ademais o valor do noso patrimonio cultural galego. Porque coñecer os nosos monumentos tradicionais é tamén unha forma de coidar o que somos e o que queremos ser como sociedade.
Cada ruta, cada actividade e cada participante son unha peza clave para construír un futuro máis sostible e inclusivo.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


