- Marta Villaverde tamén participou durante a xornada nunha acción de restauración de fondos mariños da man de Amicos e da Confraría de Pescadores de Carreira – Aguiño
- Ambas entidades colaboran no marco de Arousa-Lab, rexión asociada ao abeiro do proxecto A-AAGORA financiado por Horizonte Europa, impulsada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a asociación Amicos
Este mércores 13 de agosto, a familia de Amicos recibimos a visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, que se achegou ao noso Centro de Atención Integral para asinar o convenio de colaboración entre a Consellería e a nosa entidade no marco de Arousa-Lab, rexión asociada ao proxecto europeo A-AAGORA financiado por Horizonte Europa.
A xornada comezou cun encontro no que o equipo de Amicos compartimos coa conselleira os avances dos proxectos que impulsamos no hub Blue Mission, iniciativas que ela xa coñecía da súa etapa como directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Tamén participaron a presidenta de Amicos, Esther Vidal; o director xeral da entidade, Xoán España; o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez; e o patrón maior da Confraría de Carreira – Aguiño, José Antonio Santamaría.
No encontro, os representantes do sector pesqueiro destacaron a importancia de sumar forzas para conservar o medio mariño, sinalando que “o máis difícil foi empezar, agora só queda conseguir que cada vez se unan máis persoas”.
Pola súa banda, a conselleira Marta Villaverde subliñou que “Arousa-Lab pon de manifesto a unión dos distintos actores dun territorio: somos capaces de intercambiar experiencias e boas prácticas, escoitarnos e alcanzar compromisos e ideas para mellorar a nosa ría de Arousa, a recuperación da biodiversidade, sempre coa inclusión social como telón de fondo”.

O convenio, cun importe de 70.000 euros, permitirá desenvolver accións enfocadas á recuperación da biodiversidade mariña, á valorización do traballo dos distintos axentes do territorio e á implicación da sociedade, especialmente da mocidade e do alumnado, no coidado da ría.
Tras a sinatura, a visita continuou no Laboratorio de Algas de Amicos, onde as activistas ambientais do programa Dual Natura II mostraron o cultivo de laminarias, coñecidas como bosques de kelp, que logo se devolven ao mar para recuperar ecosistemas fundamentais.
Algo que puxeron en práctica pouco despois, cando a conselleira xunto co noso equipo e os a Confraría de Carreira – Aguiño, participou na reintrodución dun gran número de laminarias e gorgonias nos arredores da illa de Sálvora, dentro do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
Arousa-Lab: unha alianza pola biodiversidade e a cultura mariñeira
Arousa-Lab nace co obxectivo de poñer en valor o traballo e a cultura mariñeira da ría de Arousa, reforzar as boas prácticas do sector e avanzar na restauración activa do fondo mariño. Tamén promove o estudo de solucións baseadas na natureza para facer fronte ao cambio climático.
Só no 2025, no marco de Arousa-Lab, realizáronse máis dunha vintena de accións de sensibilización como xornadas de retirada de residuos, xogos inclusivos e obradoiros nos que participaron máis de 150 escolares, ademais de encontros para compartir experiencias co sector pesqueiro.
Con este novo convenio, Amicos, a Xunta de Galicia e o sector pesqueiro seguen dando pasos firmes cara a un futuro máis sostible, inclusivo e comprometido coa biodiversidade.

NOVAS EN MEDIOS
Para máIs información:
981 865 716
658 753 047


