- O obxectivo do proxecto é implicar a toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos galegos
- Amiríos é unha iniciativa posta en marcha por Amicos coa colaboración de Augas de Galicia
O martes 26 de agosto, medio cento de nenos e nenas que participan no Campamento de verán do concello de Tui desfrutaron dunha xornada de sensibilización no marco do proxecto Amiríos 2025. Durante a mañá interviron en distintas actividades lúdicas sobre o ciclo da auga e a biodiversidade dos ríos galegos, todas elas conducidas pol@s nos@s activistas medioambientais.
Amiríos ten como principal obxectivo poñer en valor os ecosistemas acuáticos ligados aos ríos e a súa recuperación ambiental, aplicando unha perspectiva de ecoloxía social que vincule o estado de saúde do medio coa calidade de vida da poboación.
Nas próximas semanas, continuaremos levando esta experiencia de divulgación e sensibilización a escolares Galicia, que poderán coñecer os seres vivos que habitan nas augas fluviais, analizar o estado dos ríos e aprender como loitar contra as ameazas que sofren.
Esta nova edición de Amiríos comprende as áreas fluviais das zonas hidrográficas Galicia Costa e Sur. Nelas, as nosas Ecobrigadas e voluntari@s están xa traballando con accións de limpeza, restauración vexetal e eliminación de especies invasoras en ríos como o Soñora, Artes, Sar, Rego de Tállara, Lérez e Quintáns.
Tamén instalaremos puntos de información en espazos públicos para que a cidadanía poida resolver dúbidas e recibir consellos sobre como coidar os ríos que nos rodean.

Proxecto AMIRÍOS
AMIRÍOS ten unha misión clara: implicar a toda a sociedade na conservación e mellora dos nosos ríos. Esta iniciativa céntrase nos ecosistemas mariños de auga doce da zona hidrográfica Galicia Costa e, para conseguilo, combina educación, voluntariado e participación cidadá.
Baixo o paraugas de AMIRÍOS, estamos a desenvolver unha serie de actividades de divulgación, sensibilización e concienciación tanto para os máis pequenos como para os adultos. O obxectivo é contribuír a restaurar os espazos fluviais sobre os que se actúa e mellorar o estado das masas de auga, acorde ás presións potenciais detectadas e medidas establecidas no plan hidrolóxico Galicia costa 2021-2027
A iniciativa, organizada por Amicos co apoio de Augas de Galicia, non só promove a inclusión, senón que tamén demostra que todos podemos xogar un papel fundamental na protección do medio ambiente, ao implicar a persoas con discapacidade intelectual como axentes de cambio.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047

