- A mostra pasará polos concellos de Ribeira, Boiro, Lousame, A Pobra do Caramiñal, Caldas de Reis, Pontecaldelas, Meis e Pontevedra.
- AMIRÍOS, posto en marcha por Amicos e financiado por Augas de Galicia, busca concienciar á sociedade da necesidade de protexer e conservar os ecosistemas fluviais a través da labor informativa dos axentes ambientais de Amicos.
Este venres, 19 de setembro, Ribeira converteuse no punto de partida da nova edición da exposición Amiríos, unha mostra itinerante que busca achegar á cidadanía a importancia de protexer e conservar os nosos ríos.
A inauguración celebrouse na praza da Avenida do Malecón, onde os nosos activistas medioambientais guiaron unha xornada chea de xogos e aprendizaxe. Máis de 70 alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe de Frións gozaron dunha mañá diferente, descubrindo curiosidades sobre a biodiversidade dos ríos galegos, o ciclo da auga e a necesidade de facer un uso responsable deste recurso vital.
O acto contou coa presenza de representantes institucionais como Esther Vidal, presidenta de Amicos, Roi Fernández, director de Augas de Galicia, e Cruz Rivadulla, concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade do Concello de Ribeira, que destacaron o valor desta iniciativa tanto pola súa dimensión ambiental como polo seu carácter inclusivo.

“Intentamos que os pequenos aprendan de nós e que eles tamén nos ensinen a recuperar os ríos. Desde Amicos facémolo o mellor que podemos e aprendemos entre todos”, subliñou Esther Vidal.
Tamén houbo palabras de agradecemento por parte das administracións, que puxeron en valor o papel protagonista dos axentes medioambientais de Amicos e a súa capacidade para sensibilizar e concienciar á sociedade desde a inclusión.
Así, a concelleira de Ribeira Cruz Rivadulla, felicitou a Amicos e Augas de Galicia polo proxecto: “Todos sabemos a importancia da auga, que no futuro será o ouro que temos que conservar e coidar. É importante concienciar ao alumnado, sobre todo aos máis pequenos, en materia medioambiental. Explicarlles tamén este traballo que leva a cabo Amicos en colaboración con Augas de Galicia”.
O director de Augas de Galicia pechou o acto: “Para min é un pracer volver a estar aquí, estamos repetindo estas achegas e subvencións a entidades con vocación ambiental. O final é ser os altofalantes de esa conciencia que temos todos e que ten que chegar aos pequenos, a través tamén da actividade integradora que fai Amicos”. Roi Fernández tamén engadiu: “Entre todos hai que seguir lanzando esa mensaxe, que a auga é vida e hai que conservala”.

Un proxecto que viaxa por distintos concellos galegos
A exposición Amiríos está composta por tótems informativos que abordan a riqueza natural dos ríos galegos e os retos que afrontan. Ao longo dos meses de setembro e outubro, a mostra poderá visitarse en diferentes concellos da zona hidrográfica Galicia Costa: Ribeira, Boiro, Lousame, A Pobra do Caramiñal, Caldas de Reis, Pontecaldelas, Meis e Pontevedra.
Promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, o proxecto busca activar a participación cidadá na defensa e mellora dos ecosistemas fluviais, convertendo aos propios ríos en protagonistas dunha mensaxe clara: a auga é vida, e debemos conservala entre todas e todos.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


