- Esta alianza con Amicos englóbase na Plataforma Bosque Marino de Redeia
- A iniciativa contempla accións de sensibilización e a recuperación dunhas 200 gorgonias por parte dos nosos activistas medioambientais, en colaboración cos pescadores da zona
En Amicos seguimos demostrando que a inclusión e a sostibilidade poden ir da man. Esta vez facémolo en alianza con Redeia e a súa Plataforma Bosque Marino, coa posta en marcha dun proxecto que busca restaurar e conservar os bosques de gorgonias nos fondos mariños das augas na zona de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
As gorgonias son organismos fundamentais para a biodiversidade mariña, pero a súa captura accidental durante a actividade pesqueira reduciu notablemente as súas poboacións. Agora, grazas a esta colaboración, continuaremos a darlles unha segunda oportunidade.
Este proxecto prevé recuperar arredor de 200 gorgonias ao longo dun ano, cun investimento de máis de 65.000 euros por parte de Redeia. Ademais, incluirá accións de sensibilización ambiental dirixidas á cidadanía e formación en conservación mariña para o sector pesqueiro.
Ciencia, inclusión e futuro
O máis innovador desta iniciativa é o seu enfoque inclusivo: persoas con discapacidade intelectual participan directamente no proceso de restauración mariña, demostrando que todos podemos ser protagonistas na loita pola protección do planeta.
Con este proxecto tamén se reforza a sustentabilidade do sector pesqueiro artesanal, garántese a conservación dos recursos mariños a longo prazo e mantense o valor natural e turístico das nosas rías, un auténtico tesouro para Galicia.
En Amicos estamos convencidos de que só unindo forzas entre entidades, ciencia, sector pesqueiro e sociedade poderemos garantir un futuro máis azul, sostible e inclusivo!
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


