• A exposición itinerante entra na fase final da súa viaxe coa chegada simultánea a Pontevedra e A Pobra do Caramiñal
  • AMIRÍOS, posto en marcha por Amicos e financiado por Augas de Galicia, busca concienciar á sociedade da necesidade de protexer e conservar os ecosistemas fluviais a través da labor informativa dos axentes ambientais de Amicos.

 

Esta semana vivimos dúas novas paradas moi especiais da nosa exposición itinerante Amiríos, que continúa o seu percorrido pola zona hidrográfica Galicia Costa. O xoves estivemos na Illa das Esculturas de Pontevedra e na EEI da Angustia na Pobra do Caramiñal. En ambas xornadas compartimos momentos cheos de aprendizaxe, diversión e moita enerxía positiva!

Na Illa das Esculturas recibíronnos máis de setenta alumnos e alumnas do CEIP Xunqueira II, que participaron nunha completa mañá de xogos e actividades ambientais.

Xunto a dúas técnicas e oito axentes medioambientais de Amicos, exploraron sete dinámicas diferentes para descubrir a importancia dun consumo responsable da auga, o papel esencial dos ríos nos ecosistemas e o valor de coidar a biodiversidade autóctona.

Durante o acto, o noso compañeiro Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas, lembrou que “Amiríos representa unha forma real de inclusión, onde as persoas con discapacidade son as protagonistas e demostran o seu compromiso co planeta, ensinando aos máis pequenos que todos podemos sumar”.

 

 

 

 

Tamén contamos coa presenza do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, que puxo en valor o traballo conxunto entre administracións e entidades sociais: ““Grazas ao voso traballo e ás actividades de sensibilización cos escolares, estamos chegando a moitísimas persoas. A maior fortuna que ten Augas de Galicia é a gran visibilidade que estades acadando grazas ás vosas actividades e ao valor humano dos activistas medioambientais de Amicos.”

A exposición, composta por tótems informativos sobre a riqueza e os retos dos ríos galegos, permanecerá en Pontevedra ata o 29 de outubro, convidando á veciñanza a reflexionar sobre o papel que todos temos na preservación do medio.

 

A Pobra tamén se suma á defensa dos ríos

O xoves, outro grupo dos nosos activistas medioambientais desprazouse ata a Pobra do Caramiñal, onde compartiron unha mañá moi especial co alumnado da escola infantil A Angustia. A través de xogos adaptados, os máis pequenos aprenderon a recoñecer a biodiversidade dos ríos galegos, a importancia de reciclar e de coidar a natureza dende idades temperás.

No municipio tamén se instalaron tres tótems informativos sobre o proxecto, que se poden visitar na Alameda ata o 29 de outubro.

 

 

Un proxecto que une inclusión e sustentabilidade

Amiríos, impulsado por Amicos e financiado por Augas de Galicia, forma parte dun programa de educación e acción ambiental que percorre diferentes concellos da zona hidrográfica Galicia Costa —entre eles Ribeira, Boiro, Lousame, Caldas de Reis, Pontecaldelas, Meis e Pontevedra—.

Ademais das exposicións e das xornadas con escolares, o proxecto inclúe accións de voluntariado ambiental nos ríos galegos, onde as Ecobrigadas de Amicos traballan na restauración da vexetación autóctona e na eliminación de especies invasoras.

Con iniciativas coma esta, seguimos fortalecendo o noso compromiso cunha sociedade máis consciente, sostible e inclusiva, onde cada persoa poida ser parte activa na protección do medio ambiente.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org