- Este ano presentáronse máis de sesenta portas, todas elas mostra dunha gran creatividade
- A votación tivo lugar do 3 ao 9 de novembro
Como xa é tradición, en Amicos celebramos este Samaín unha nova edición do noso Concurso de decoración de portas terroríficas. E como non, un ano máis fomos testemuñas das altas doses de creatividade coa que contan @s decoradores das máis de sesenta portas de centros escolares, de día e ocupacionais que se animaron este ano a participar.
Todas elas foron exemplo dun gran traballo de elaboración e planificación, e a gran maioría verdadeiramente arrepiantes.
Pola súa banda, o público de Facebook nomeou como gañadora a decoración enviada polo CEIP Plurilingüe Maria Assumpta de Noia, que acadou os 630 gústames; seguida da aula de 3º da ESO A do CPI Bembibre do Val do Dubra, que conseguiu 577 votos; e da porta elaborada polo CEIP Ledicia de Ferrol, con 141 gústames.

Se ben a temática do concurso era o Samaín e, por tanto, o terror foi o tema principal, os participantes botaron man de toda a súa creatividade con deseños protagonizados por bruxas, morte, catrinas mexicanas, monstros, fantasmas ou cemiterios malditos. Unha gran mostra de toda a variedade de ideas que poden xurdir en torno a este tema.
Se ben só hai tres premios, dende aquí queremos poñer en valor o traballo de cada un dos grupos que se animaron a decorar as súas portas e a participar no concurso, posto que todas as portas foron exemplo de imaxinación e creatividade.
En canto a estes tres centros con máis votos, nos próximos días poñeremonos en contacto con vós para facervos chegar un paquete do máis especial. Noraboa a todos e todas pola maña e mil gracias por participar un ano máis!

Para máis información:
981 865 716
658 753 047

