• O curso tivo lugar do 8 ao 31 de outubro en modalidade de teleformación, cunha duración total de 50 horas
  • Ami4cei é financiado polo Programa de Empleo, Formación, Educación e Economía Social (EFESO) e o Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES)

 

En Amicos seguimos traballando para crear oportunidades reais de formación e emprego para as persoas con discapacidade intelectual e/ou de colectivos en risco de exclusión social. Por iso, dentro do proxecto AMI4CEI, trece usuarias da área de Alianzas con Persoas e Empresas participaron nun curso de Envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios, unha formación pensada para achegarse a un dos sectores con máis saída laboral da nosa contorna, a industria alimentaria.

O curso, que se desenvolveu entre o 8 e o 31 de outubro en modalidade de teleformación, tivo unha duración total de 50 horas, nas que o alumnado puido coñecer os conceptos básicos do envasado, os materiais empregados e o funcionamento da maquinaria utilizada nesta actividade. Ademais, tamén se afondou en aspectos máis teóricos, como os requisitos legais que deben cumprir os produtos alimentarios, o etiquetado e a rotulación.

A orientadora laboral de Amicos, Araceli Rial, explica que esta acción formativa xurdiu “da necesidade de ofrecer itinerarios reais, útiles e adaptados ás persoas coas que traballamos. Non se trata só de facer un curso, senón de darlles ferramentas que lles permitan acceder ao mercado laboral con máis confianza e autonomía. A industria alimentaria é un sector moi presente na nosa comarca, e ofrecerlles esta formación é achegalas a oportunidades laborais concretas e alcanzables”.

 

 

 

 

Araceli tamén destaca a importancia do acompañamento continuo: “Moitas das persoas ás que atendemos precisan un apoio constante: axudámolas a descubrir en que son boas, a preparar un currículo atractivo, a identificar ofertas que se axusten ao seu perfil e, sobre todo, a crer nas súas capacidades. Cando rematan unha formación coma esta, o cambio é evidente, gañan seguridade e motivación”.

Con esta iniciativa seguimos a ampliar a nosa rede de apoio laboral e de atención directa ás persoas con discapacidade intelectual e/ou en risco de exclusión social, promovendo itinerarios personalizados que melloran a súa empregabilidade e autonomía.

 

Un proxecto innovador cun impacto pioneiro

AMI4CEI, que estará activo ata finais de 2026, aposta por unha metodoloxía centrada na persoa, fomentando a comunicación fluída entre empresas e traballadores/as, e ofrecendo un acompañamento continuo por parte de Amicos. Todo isto apoiado en ferramentas TIC pioneiras, como o uso da Intelixencia Artificial e un software de xestión do talento integrado na nosa web.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org