• Esta acción forma parte do proxecto Sensibilización e concienciación para un desenvolvemento sustentable da Área de Influencia Socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

As Ecobrigadas de Amicos seguimos traballando nun dos espazos naturais máis fermosos e singulares de Galicia: a illa de Sálvora. Así, continuamos unha semana máis coa retirada de especies invasoras, unha tarefa clave para protexer o equilibrio natural da zona e favorecer o crecemento das especies autóctonas.

Durante as últimas semanas estivemos actuando a fondo na eliminación de sempreviva (Helichrysum petiolare), aínda que tamén traballamos na erradicación doutras especies como a cala (Zantedeschia aethiopica), a uña de gato (Carpobrotus edulis), a herba carmín (Phytolacca americana) e a vinca (Vinca spp.), nunha hectárea da illa na que concentramos os traballos.

Esta acción forma parte do proxecto Sensibilización e concienciación para un desenvolvemento sustentable da Área de Influencia Socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Parques Nacionais e o propio Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e executado pola empresa de inserción laboral Properdis.

 

 

 

 

Antes de comezar coa retirada, no mes de xuño realizamos un mapeo detallado da illa, no que os profesionais das Ecobrigadas identificaron as zonas afectadas e catalogaron as especies invasoras presentes, sempre baixo a supervisión técnica do equipo de Parques Nacionais. Grazas a este estudo previo, puidemos actuar con precisión, priorizando as áreas máis sensibles e garantindo un control real destas plantas.

A través desta iniciativa non só se busca protexer os hábitats naturais, apoiar a recuperación das especies autóctonas e contribuír á conservación da biodiversidade galega na illa. Como calquera acción de Properdis, outro dos obxectivos principais é a realización de actividades formativo-ocupacionais para persoas con discapacidade intelectual, que lles permitan incrementar as súas posibilidades de inserción sociolaboral, a través de emprego protexido.

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org