- Ao evento asistiron a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o concelleiro de Política Social boirense, Raúl Treus, a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e varios integrantes de gobernos locais e asociacións da comarca.
- Esta edición do Festiritititi contou coa financiación do Grupo Jealsa a través do seu programa We Sea, e da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, así como o patrocinio de Gadis, Veolia e MsDonald´s Rías Baixas; e a colaboración de Grupo Nosa, Fesba, Boiresa, e Ángel Mar.
Como cada 3 de decembro dende fai oito anos, hoxe celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co noso xa tradicional Festiritititi, o festival da inclusión a través do xogo. Este ano o pavillón de Barraña acolleu a máis de mil persoas, entre escolares, profesorado, representantes do tecido social e institucional da comarca e membros da familia de Amicos; para celebrar e aprender xuntos.
Xa a primeira hora, o alumnado dos centros de Boiro, Ribeira e Noia chegaron entre música, globos e unha chea de seres mariños xigantes que sorprendían a todo o mundo. Rosa Figueira, xunto a Pilar Sampedro, foi quen deu a benvida oficial antes de comezar coas actividades.
E que actividades! Este ano preparamos dez propostas de xogo inclusivo, entre elas o verme tolo, debuxo estragado, pasa o aro ou a escaleira ao arco da vella. Tamén houbo obradoiros de chaveiros, un escape room e o taller Aqualogy de Veolia. O máis especial é que, agás nesa última actividade, foron as persoas con discapacidade intelectual de Amicos os que lideraron cada dinámica, converténdose nas auténticas protagonistas do día.

A música correu a cargo do DJ Matrek, que mantivo o ritmo de festa durante toda a mañá, e a animación da entrada e da despedida fixo que ninguén marchase sen un sorriso.
Tamén nos acompañaron representantes institucionais e entidades colaboradoras. Entre elas, María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade; a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral; representantes de Ribeira e Padrón, así como membros de Cruz Vermella, asociacións da comarca e empresas amigas. Todos eles participaron no noso tradicional xogo central, no que alumnado, profesorado e autoridades competiron en equipos nunha divertida dinámica de relevos.
Ademais, un momento dos momentos máis especiais foi a lectura dos manifestos. Rosa, do Centro de Día, reivindicou o papel fundamental das familias; Mariana, de Pekes, falou do dereito a unha educación adaptada e inclusiva; e Marian, alumna-traballadora do FP Dual de Oficina Cognitiva, puxo o foco nas oportunidades laborais e formativas que aínda quedan por conquistar. O peche veu da man de David Justicia, do CPR Bayón, cunha mensaxe clara: “No Festiritititi xogamos, compartimos e sentímonos iguais, sen que as diferenzas nos separen”.

As palabras das institucións acompañaron este espírito. Desde Amicos, Esther Vidal lembrou que “hoxe celebramos algo máis que unha festa: celebramos integración real”. Pola súa banda, María Quintiana destacou o traballo das entidades e a importancia de seguir avanzando cara unha sociedade de plena inclusión. Margarita Hermo, en nome de Jealsa e do seu programa We Sea, sinalou tamén o impacto do festival ao longo destes oito anos e miles de nenos e nenas que xa viviron esta experiencia.
Un ano máis, o Festiritititi demostrou ser moito máis ca un festival, nestes anos converteuse nun espazo onde a diversidade se vive, se comparte e se celebra.
O Festiritititi 2025 foi posible grazas ao financiamento do Grupo Jealsa a través do seu programa We Sea, e da colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Veolia, McDonald’s Rías Baixas, Grupo Nosa, Fesba, Boiresa, e Ángel Mar.
Xa contamos os días para volver xuntar emocións, xogos e igualdade no Festiritititi 2026!

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


