- O festival, cargado de música e diversión, arrincou coa presentación do Calendario Solidario 2026 de Amicos, no que se repasaron os 25 anos da entidade
- Ao acto acudiron Silvia Agrafojo, concelleira de Servizos Sociais de Lousame; Digna Iglesias, vicepresidenda de Amicos, Xoán España, director xeral de Amicos, e unha gran parte dos e das integrantes da familia Amicos
En Amicos levamos semanas preparándonos a tope para o Nadal, unha das épocas preferidas dos nosos amicos e amicas. E, un ano máis, as celebracións comezan co noso gran Festival de Nadal, que tivo lugar a mañá deste 18 de decembro na Casa da Cultura de Lousame.
Ás 12.00 horas demos comezo ao evento cun momento moi especial: a presentación do calendario solidario 2026 de Amicos, unha edición moi significativa na que quixemos facer un percorrido polos 25 anos de historia da entidade, poñendo no centro ás persoas que formaron e forman parte deste proxecto dende os seus inicios. Un calendario cheo de lembranzas, rostros e historias que falan do que somos.
Neste acto acompañáronnos, entre outras persoas, Silvia Agrafojo, concelleira de Servizos Sociais de Lousame; José Antonio Ces, concelleiro de Seguridade Viaria e Protección Civil; Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos; e Xoán España, director xeral da entidade, xunto con moitos outros integrantes da gran familia Amicos.

A concelleira Silvia Agrafojo destacou durante o festival que “dende o Concello de Lousame estamos encantados de acoller este festival e colaborar en todo o que podemos con Amicos”, unhas palabras que agradecemos de corazón. Pola súa banda, o noso director xeral, Xoán España, lembrou que “en Amicos un dos nosos piares é o coidado, principalmente das persoas pero tamén do planeta e da biodiversidade”, e explicou que este ano o calendario quixo render homenaxe ás persoas que fixeron posible estes 25 anos de camiño compartido.
Tras a presentación, chegou o momento máis agardado: as actuacións, presentadas por Nuria Fernández, coordinadora do centro de educación especial de Oleiros, e pola peke Mariana Zurita.
Abriron o festival os Nadadores de Babilon, o grupo de persoas con mobilidade reducida e grandes necesidades de apoio, cun baile cheo de creatividade e expresión. A continuación, foi a quenda do obradoiro de canto As voces do Nadal, que interpretou dúas panxoliñas compostas polo propio grupo, nas que tamén fixeron referencia á historia de Amicos e ao que significa para eles e elas formar parte da entidade, acompañados polos técnicos María Rodríguez e Samuel.
O escenario encheuse despois de ritmo co obradoiro de baile urbano Ropopompón, seguido polo club de teatro de Amicos, que representou O portal de Comoxo, e pola proxección do vídeo Nadal Rock. As dúas últimas actuacións chegaron da man do alumnado do CEEPR Amicos, con O país das fadas e Mensaxes da auga, dúas propostas cargadas de simbolismo e mensaxes positivas.

Un dos momentos máis divertidos da mañá foi o lotobingo impulsado polos Pekes, que se encargaron de crear toda a utilería e de realizar o sorteo, inspirado na lotería de Nadal, facendo participar a todas as persoas asistentes.
Ao redor das 14.00 horas puxemos o broche final cun momento moi especial: todos os amicos e amicas subimos ao escenario xunto ao público para cantar e bailar en grupo a panxoliña Mi burrito sabanero, pechando así unha mañá chea de emocións, sorrisos e espírito de Nadal.
Queremos agradecer especialmente o apoio de Gadisa, así como a colaboración de Paco & Lola, M Servicio Móvil, Darlim, Pan do Mar, Congalsa, Valora Consultores, Fundamar, ADM Comunicaciones, Cafés Caldelas, Recursos Galicia, Reyjosa Frutas y Flores, LAU Creaciones, Ara Formación, Automecánica Boiro, Farmacia Cimadevila, Carnes Domínguez, Combustibles Puebla, Grupo Roig, Gasóleos Barbanza, ACEROffice, Lignus Pellets de Galicia, Transportes Galastur, Sercios Vending de Galicia, Gráficas Garabal, Hermo Dental, Sambre, Almacenes Vidal, Fundación Francisco Verdía, Farmacia Villamil Reigosa, Serdeco Contratas y Lesmes Fotógrafos. Todas elas empresas e entidades que fixeron posible o calendario solidario 2026. Lembramos que estes poden adquirirse no Centro de Atención Integral de Boiro, cun prezo de 7 euros o de mesa completo, 5 euros sen base de madeira e 8 euros o calendario grande para colgar.
Grazas a todas as persoas que nos acompañastes, por celebrar con nós un Nadal xuntos, con ilusión e coa forza dunha comunidade que non deixa de crecer.

Para más información:
981 865 716
658 753 047


