- O alumnado afianza así as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo en algún dos aeroportos galegos reservados para persoas con discapacidade
- Amicos OnBoarding, iniciativa posta en marcha pola asociación Amicos co apoio de Enaire, xa conseguiu o 43% das insercións fixadas no proxecto
Este mércores, 17 de decembro, celebramos en Santiago de Compostela a entrega de diplomas do curso de Atención á clientela en entornos aeroportuarios, no que participaron un total de once persoas.
O acto de peche do curso permitiunos recoñecer o esforzo e a implicación do alumnado, que recibiu os seus diplomas da man de Miguel Beiro, responsable da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas. Un momento cargado de satisfacción e ilusión.
Esta formación desenvolveuse no marco do proxecto Amicos-Inclusión: OnBoarding, unha iniciativa posta en marcha por Amicos co apoio de Enaire, que ten como obxectivo crear itinerarios reais de inserción laboral vinculados ás necesidades dos aeroportos galegos, facilitando o acceso ao emprego das persoas con discapacidade e promovendo a súa inclusión en espazos públicos.
A través de Amicos OnBoarding apostamos por unha metodoloxía centrada na persoa, ofrecendo un servizo de orientación laboral especializada, apoio durante o proceso de incorporación á empresa e un acompañamento continuo, tanto para as persoas participantes como para as propias empresas. O noso obxectivo non é só favorecer a contratación, senón tamén dotar de ferramentas que permitan manter o emprego no tempo, xerando contornas laborais máis inclusivas e estables.
Dende a súa posta en marcha en abril de 2025, o proxecto non deixou de medrar. O equipo de Amicos OnBoarding atendeu xa a máis dunha trintena de persoas, superando amplamente os obxectivos iniciais marcados. En concreto, acadouse un 170% do obxectivo de atención e un 261% no número de persoas formadas, ademais de realizar 127 horas de orientación laboral. Un dos datos que máis nos anima a seguir é que xa se conseguiu o 43% das insercións laborais fixadas no proxecto.
A iniciativa continuará activa ata abril do próximo ano, e en Amicos seguimos traballando con ilusión para que máis persoas poidan atopar unha oportunidade laboral adaptada ás súas capacidades, demostrando que a inclusión tamén despega nos aeroportos galegos.
ENAIRE, aliado da inserción laboral de persoas con discapacidade
Como empresa do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, presta servicios de control de tránsito aéreo nas fases de Ruta e Aproximación de todos os vóos con orixe/destino nacional e sobrevóos. Ademais, xestiona os servizos de comunicacións, navegación e vixilancia de ENAIRE no conxunto do espacio aéreo e en toda a rede de aeroportos de Aena en España, e proporciona os servizos de control de tráfico aéreo de aeródromo en 21 aeroportos, entre eles os de maior tráfico.
ENAIRE é o cuarto xestor europeo de tráfico aéreo, e é membro das alianzas internacionais Alianza A6, SESAR Joint Undertaking, SESAR Deployment Manager, iTEC, CANSO e ten unha intensa colaboración con OACI.
ENAIRE obtivo a maior calificación no indicador clave de rendemiento en seguridade aérea a escala europea por cinco anualidades consecutivas. Ademais, conta co Selo EFQM 600 pola súa xestión segura, eficiente, innovadora e sostible dos servizos de navegación aérea.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047

