• O mércores, 31 de decembro, adiantamos doce horas o reloxo para celebrar as prebadaladas de fin de ano
  • Na celebración participaron máis de corenta persoas que forman parte da familia de Amicos

 

En Amicos aproveitamos calquera boa ocasión para celebrar xunt@s, e o Nadal estanos dando moitos momentos para facelo. Así, no Centro de Atención Integral adiantamos doce horas o reloxo para despedir 2025 cunhas prebadaladas cheas de ilusión e moitas risas, nunha mañá festiva que reuniu a máis de corenta persoas usuarias da entidade.

Asemade, nesta ocasión tan especial contamos unha vez máis coa presenza da directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, que quixo compartir connosco este momento tan significativo. Xunto a ela estivo tamén o noso director xeral, Xoán España, acompañando ás persoas usuarias nesta despedida adiantada do ano.

A mañá do 31 de decembro estivo así chea de bo humor, cotillón, lacasitos da sorte e un brindis colectivo co que quentamos motores para darlle a benvida a 2026.

Un dos momentos máis especiais chegou coa conta atrás das prebadaladas, marcada por un reloxo xigante deseñado e elaborado polas propias persoas usuarias de Amicos, que se converteu no gran protagonista da celebración. Para simular as tradicionais badaladas, explotamos un globo por cada badalada, creando un ambiente festivo, participativo e cheo de emoción.

Ao longo da mañá, Begoña Abeijón e os membros de Amicos desfrutamos da compañía mutua, e puxémonos ao día sobre os desexos de cara ao novo ano, así como dos desexos que esperamos cumprir nos próximos meses. A directora destacou “a ilusión, a participación e a capacidade de desfrutar que se respira en Amicos” e puxo en valor a importancia de seguir creando espazos nos que todas as persoas poidan participar e sentirse parte activa da comunidade.

Pola súa banda, Xoán España lembrou que “comezar o ano celebrando xuntos é unha maneira moi especial de lembrar o que somos: unha comunidade activa e con ganas de seguir facendo cousas”, e expresou o seu desexo de que 2026 chegue cargado de novos proxectos, actividades e experiencias que sigan abrindo camiños cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

A xornada rematou entre risas, brinde e bos desexos, reafirmando unha vez máis o noso compromiso coas persoas, coa participación activa e cun futuro no que a inclusión sexa unha realidade compartida cada día.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org