- O acto de clausura celebrouse este martes, 20 de xaneiro, no Auditorio de Ribeira
- A iniciativa non só concienzou a milleiros de escolares a través de xornadas de xogos de sensibilización, senón tamén a través de recollidas de residuos co sector pesqueiro e marisqueiro, así como formación sobre revalorización de residuos mariños
En Amicos estamos convencidos de que a protección do medio mariño só é posible se se constrúe desde a participación, a conciencia social e o compromiso colectivo. Con esa mirada naceu LABMAR, e con esa mesma filosofía celebramos en Ribeira o acto de clausura da súa primeira edición, un encontro no que fixemos balance dun proxecto que demostrou que a conservación ambiental e a inclusión social poden avanzar da man.
O acto comezou coa benvida do noso director xeral, Xoán España, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, que puxeron o acento importancia das persoas con discapacidade intelectual como axentes activos do cambio, tamén no eido ambiental. Unha mensaxe que resume o espírito de LABMAR, un proxecto no que a sensibilización e a acción foron sempre compartidas.
A continuación proxectouse un video balance do proxecto, tralo que a técnica de Proxectos de Fundamar, Cristina Fernández, presentou algúns dos datos acadados no marco da iniciativa durante os últimos dezaoito meses.
A clausura de LABMAR articulouse arredor dunha mesa redonda moderada por Fabián Ben, director de Proxectos da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, na que tamén participaron o director do CEP Xesús Ferro Couselo, a técnica medioambiental de Amicos María José Lamela, e a activista Adriana Miguéns. Un espazo de diálogo no que se puxeron en común experiencias, motivacións e aprendizaxes arredor da restauración e da concienciación medioambiental.
Ao longo do proxecto, o equipo de LABMAR desenvolveu accións en espazos naturais de alto valor ecolóxico como o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o Parque Natural de Corrubedo, o Complexo Intermareal de O Grove ou diferentes zonas protexidas de Andalucía, entre elas Doñana ou as Marismas do Odiel. Lugares nos que a acción directa se converteu tamén nunha ferramenta educativa e social.

Miles de persoas implicadas por un mesmo obxectivo
Un dos logros de LABMAR foi a súa capacidade de movilización. Máis de 2.000 persoas voluntarias participaron nas distintas accións desenvolvidas, nas que se recolleron máis de 2.000 quilos de refugallos mariños.
LABMAR foi impulsado por Amicos, Fundamar e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMPA. Unha alianza que demostra que a cooperación entre entidades sociais, sector pesqueiro e administracións é clave para xerar impacto real.
O acto foi clausurado pola delegada provincial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Mª do Campo, que destacou que “animamos a seguir impulsando proxectos que melloren a realidade dos municipios mariños”. Asemade, destacou o papel de Amicos por buscar a colaboración de institucións públicas e entidades privadas para darlle voz ás persoas con discapacidade e poñer en marcha iniciativas que aúnan o social e o ambiental.
Tamén interveu Mariola Sampedro, que puxo o acento na “importancia de preservar a nosa identidade de pobo mariñeiro, levamos a salitre nas veas e iso mostrase no que facemos polo mar. O mar é presente e pasado, pero sobre todo queremos que sexa futuro, e por iso queremos agradecer o papel de Amicos por implicar tódolos axentes da sociedade para asegurar que se produza un cambio estructural cara unha sociedade máis inclusiva”.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


