- Nos últimos meses, a restauración de fondos mariños posibilitou a restauración de 460 gorgonias, 1.120 unidades de zostera e 1.150 soportes de laminarias
- Cabalga está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMPA
A clausura do proxecto CABALGA en Ribeira foi unha oportunidade para poñer en común todo o aprendido arredor da restauración dos fondos mariños, pero tamén para lembrar que este tipo de proxectos só teñen sentido dende a colaboración e cunha mirada a longo prazo.
CABALGA naceu co obxectivo de unir ciencia, sector pesqueiro e compromiso social, e iso quedou claro ao longo do acto, no que participaron profesionais da investigación, representantes das confrarías e activistas ambientais de Amicos. Un espazo de diálogo no que se falou de biodiversidade, pero tamén de territorio e de futuro.
Durante a mesa redonda abordouse o proceso de restauración de especies clave como as gorgonias, as laminarias e a zostera, tanto en augas galegas como no Mediterráneo. Un traballo complexo e necesario para recuperar hábitats mariños fundamentais e reforzar a sustentabilidade da economía azul.
Nela participaron o presidente de mariscadores da Confraría de Carreira – Aguiño, Manuel A. Reiriz; o director – conservador de Parque Nacional MT das Illas Atlánticas, José Antonio (Pepín) Fernández; o membro do Instituto de Ciencias do Mar – CSIC, Stefano Ambroso; o catedrático de Bioloxía da Universidade da Coruña, Javier Cremades; o director xeral de Amicos, Xoán España; e a activista medioambiental de Amicos, Cristina Sanmiguel.
Nos últimos meses, no marco de CABALGA, desenvolvéronse máis de 110 accións medioambientais nas que participaron máis de 2.000 persoas. Grazas a este esforzo colectivo, foi posible reinsertar 460 gorgonias, 1.120 unidades de zostera e 1.150 soportes de laminarias, contribuíndo de maneira directa á recuperación dos ecosistemas mariños.

Un proxecto con impacto social e ambiental
CABALGA é unha iniciativa impulsada polo Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, a Asociación Amicos e varias confrarías de pescadores de Galicia e Cataluña. Un proxecto no que as persoas con discapacidade intelectual participan activamente, demostrando que tamén teñen un papel protagonista na defensa do medio ambiente.
O acto serviu tamén para agradecer o compromiso de todas as entidades, centros educativos, confrarías, empresas e institucións que fixeron posible este camiño compartido. Porque sen alianzas, confianza e traballo en rede, non sería posible avanzar cara a unha restauración real e duradeira dos fondos mariños.
Á clausura, que se celebrou a mañá deste martes, 20 de xaneiro, no Auditorio de Ribeira; asistiton tamén a delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Mª do Campo; a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García; a alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro.
Tamén foi recoñecida a labor de centros educativos como o CEP Xesús Ferro Couselo, CPR Galaxia ou CEIP O Grupo; empresas como Jealsa, Altia, Redeia, Igalia ou Vegalsa-Eroski; así como as confrarías e entidades do mar do Barbanza e comarcas galegas que participaron nas distintas accións de sensibilización, conservación e restauración.

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


