• Un total de 86 persoas participaron nos itinerarios de consolidación de emprego, no que se acadaron 26 insercións laborais
  • AMI4CEI está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa EFESO para o período 2021-2027, a través de CEPES, que actúa como organismo intermedio.

 

En Amicos apostamos pola formación e o emprego como peza clave para a autonomía e a inclusión social das persoas. Por iso levamos a cabo distintos proxectos a través dos que buscamos mellorar as posibilidades laborais das persoas que apoiamos dende a área de Labora, entre eles a iniciativa Ami4cei.

Ami4cei é unha iniciativa pensada para acompañar a persoas con discapacidade intelectual ou en situación de vulnerabilidade no seu camiño cara ao mercado laboral e traballar polo mantemento destes postos. Ao mesmo tempo, buscamos reforzar o noso servizo de formación e emprego. O obxectivo desta mellora interna é seguir traballando por un servizo o máis individualizado e especializado posible, sen perder de vista os obxectivos e o seguimento de cada unha das persoas que acoden a el.

Se ben o programa continuará a pleno rendemento ata mediados de 2026, dende a súa posta en marcha un total de 86 persoas participaron nos itinerarios de inserción. Persoas novas que buscaban a súa primeira oportunidade laboral e outras que, superados os 45 anos, decidiron volver intentalo cun apoio próximo e adaptado ás súas necesidades. Todas elas compartiron 120 horas de formación orientada ás demandas reais da comarca, cun enfoque práctico e accesible.

O acompañamento individual é, tamén nesta ocasión, un dos piares do proxecto. O equipo de orientación laboral realizou 210 orientacións, traballando man a man con cada persoa para definir obxectivos, reforzar competencias e abrir novas posibilidades. Grazas a este traballo, acadáronse 26 insercións laborais, un paso importante cara a unha maior autonomía persoal e social.

Ami4cei tamén puxo o foco no traballo interno. 44 profesionais de Amicos participaron en máis de 60 horas de formación e accións de traballo en equipo, co obxectivo de mellorar a coordinación, compartir coñecemento e seguir avanzando nun modelo de atención centrado nas persoas. Ademais, seguimos a desenvolver unha aplicación web que permitirá mellorar a xestión e a calidade dos servizos de formación e emprego.

Este proxecto deixa algo claro: cando se aposta polo acompañamento, pola formación adaptada e polo traballo en equipo, créanse oportunidades reais. En Amicos seguimos camiñando xa non só por conseguir mellorar as posibilidades das persoas con discapacidade poidan acceder a un mercado laboral inclusivo, senón a que os seus postos se manteñan

AMI4CEI está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco do Programa EFESO para o período 2021-2027, a través de CEPES, que actúa como organismo intermedio. O proxecto mantense activo ata finais de 2026, período no que continuará desenvolvendo accións destinadas a ampliar e consolidar oportunidades laborais para as persoas participantes.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org