• Asinaron este novo convenio a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e o responsable de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro
  • O obxectivo é mellorar a inserción laboral de persoas con discapacidade e/ou en situación de vulnerabilidade no municipio

 

Este martes, 27 de xaneiro, asinamos un convenio de colaboración co Concello de Meis co obxectivo de mellorar a atención e a inserción laboral de persoas con discapacidade e/ou en situación de vulnerabilidade no municipio e na súa contorna.

A sinatura tivo lugar na Casa do Concello e contou coa participación da alcaldesa, Marta Giráldez, e do noso responsable de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro. Acompañáronos as concelleiras de Servizos Sociais e Urbanismo, Estela González e Araceli Maquieira respectivamente; e o noso técnico laboral na zona, Rubén Lemos.

O acceso ao emprego é unha das chaves máis importantes para a autonomía e a inclusión social. Por iso, cada vez que unha administración local decide dar un paso adiante e sumar esforzos connosco, é unha boa nova para o territorio e, sobre todo, para as persoas.

Grazas a este acordo, Amicos ofrecerá en Meis un servizo integral de orientación laboral, achegando á cidadanía recursos especializados para mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado de traballo. Este apoio estará xestionado polo noso técnico laboral na zona, Rubén Lemos, que acompañará de maneira individualizada ás persoas participantes ao longo de todo o proceso.

O Concello de Meis porá á disposición do proxecto un local en Paradela, desde o que se realizará tanto a atención directa ás persoas como o traballo de prospección laboral con empresas da zona. Un espazo pensado para escoitar, orientar e construír itinerarios reais de emprego adaptados ás capacidades e intereses de cada persoa.

Durante o acto, a alcaldesa Marta Giráldez destacou a importancia de darlle a este local un uso social, subliñando que este servizo non só beneficiará ás persoas de Meis, senón tamén á veciñanza doutras localidades da contorna. Un enfoque comarcal que encaixa plenamente coa maneira de traballar de Amicos: tecer redes e sumar oportunidades.

 

 


 
 

Formación, acompañamento e oportunidades reais

Desde Amicos poñemos ao dispor das persoas beneficiarias non só orientación laboral, senón tamén un amplo abanico de formación gratuíta para o emprego, adaptada ás demandas actuais do mercado laboral. O noso obxectivo é claro: ofrecer ferramentas útiles, acompañamento continuo e confianza para que cada persoa poida avanzar cara a un proxecto profesional propio.

No último ano, o noso servizo de Formación e Emprego apoiou laboralmente a preto de 2.000 persoas, das cales máis de 800 participaron en accións formativas. Ademais, acadáronse arredor de 500 insercións laborais, un dato que reflicte o impacto real deste traballo cando se fai de maneira coordinada e centrada na persoa.

Con esta nova alianza, a comarca do Salnés súmase á rede de puntos de atención de Amicos en Galicia e Extremadura, reforzando a presenza da entidade na provincia de Pontevedra, onde ata o de agora traballabamos principalmente na área de Pontevedra e nas comarcas de Deza–Tabeirós.

As persoas interesadas en recibir información ou participar neste servizo poden contactar con Amicos a través do correo persoas@amicos.org ou no teléfono 674 095 685. Seguimos avanzando para que o emprego sexa unha oportunidade real, accesible e inclusiva para todas as persoas

 

NOVAS EN MEDIOS

CANAL RÍAS BAIXAS

LA VOZ DE GALICIA

DIARIO DE AROUSA

FARO DE VIGO

O BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org