- En xaneiro comezaron as formacións online en MusicArTherapy dirixidas a profesionais da música, o ámbito sociosanitario e familiares de persoas con discapacidade
- MUSE é un proxecto financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional
A MusicArTherapy aposta polo poder da música, da arte e da expresión como ferramentas de acompañamento, benestar e inclusión. No marco do proxecto europeo MUSE, unha iniciativa na que Amicos colabora coas entidades italianas Università Popolare de MusicArTerapia e Cooperativa umanista Mazra, en xaneiro comezou a formación online dirixida a profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario, músicos e familiares de persoas con discapacidade.
Ao longo das dez sesións, abórdase a metodoloxía da MusicArTerapia na Globalidade das Linguaxes (GdL) desde múltiples perspectivas: histórica, científica, artística e terapéutica. Da man de profesionais de referencia internacional como Stefania Guerra Lisi e outros docentes especializados, os participantes aproxímanse a contidos que van desde a preparación ao parto ata o acompañamento en situacións de coma ou final de vida.
Un total de 60 persoas de Italia e España participan neste curso, que combina coñecemento teórico, práctica guiada e espazos de reflexión compartida. Cada un dos seminarios divídese en dúas horas de clase apoiada con vídeos, diapositivas e materiais visuais; e unha hora de actividades guiadas e dinámicas prácticas. Ás que se lle engaden 10 horas de sesións de retroalimentación e 20 horas de traballo autónomo, o que favorece unha aprendizaxe reflexiva e adaptada aos ritmos de cada participante.
Os contidos xiran en torno a cuestións como a música e corporeidade, sinestesia, tecnoloxía aplicada, simboloxía, voz e expresión, integración educativa e social… sempre cun enfoque práctico e humano, no que a música se converte nunha ponte para a comunicación, o benestar e a dignidade da persoa. Así como a aplicación da MusicArTherapy en contextos como a educación infantil, a adolescencia, os centros de día, as comunidades terapéuticas ou o acompañamento a persoas adultas e maiores.
Formación, inclusión e compromiso europeo
Este curso non é só unha acción formativa. É tamén unha aposta pola innovación social, pola cooperación europea e pola construción de modelos de atención máis sensibles, creativos e inclusivos. Desde Amicos seguimos impulsando proxectos que conectan coñecemento, investigación e práctica real, sempre coa mirada posta nas persoas con discapacidade intelectual e nas súas contornas.
Unha vez rematada a formación, todos os contidos didácticos estarán dispoñibles en plataformas dixitais como Youtube, a disposición de calquera persoa interesada en coñecer dita metodoloxía.
MUSE é un proxecto financiado polo programa Erasmus+, na convocatoria de Asociacións a Pequena Escala (KA210) de 2024 no ámbito da Formación Profesional.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


