- Venancio Salcines, presidente e rector de CESUGA, e Miguel Beiro, responsable da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas, firmaron esta mañá un convenio de colaboración
- A alianza permitirá ofrecer atención directa a persoas con discapacidade, estudantes e cidadanía en xeral desde un despacho cedido na sede universitaria
En Amicos seguimos achegando oportunidades ás persoas coa ampliación da nosa rede de apoio. Este mércores, 11 de febreiro, asinamos un convenio de colaboración co Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) que nos permitirá ofrecer orientación laboral especializada, acompañamento e apoio directo a persoas con discapacidade, estudantes e cidadanía en xeral desde a propia sede universitaria.
A sinatura formalizouse nas instalacións de CESUGA coa participación de Venancio Salcines, presidente e rector da institución, e Miguel Beiro, responsable da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas. Grazas a este acordo, contaremos cun despacho cedido pola universidade que se converterá nun novo punto de atención desde o que o noso equipo poderá atender ás persoas da área metropolitana da Coruña.
Este novo espazo permitirá ofrecer un servizo individualizado de orientación laboral e acompañamento, adaptado ás necesidades de cada persoa. O obxectivo é claro: facilitar o acceso a recursos, formación e oportunidades que melloren a empregabilidade e favorezan a inclusión social e laboral.
Como sinalou Miguel Beiro durante o acto, para nós estar presentes nun entorno universitario como CESUGA é tamén unha oportunidade para achegarnos a novos perfís e reforzar a conexión entre o ámbito educativo e o mercado laboral. Esta alianza permítenos ofrecer unha atención máis próxima e personalizada, clave para construír itinerarios que respondan ás capacidades e intereses de cada persoa.
Pola súa banda, desde CESUGA puxeron en valor o papel da universidade como axente activo no seu entorno, comprometido coa inclusión e coa xeración de oportunidades reais para a cidadanía.
Este novo punto súmase aos servizos que xa ofrecemos en Galicia e noutras comunidades, reforzando a nosa presenza no territorio e facilitando que cada vez máis persoas poidan acceder a apoio integral, orientación laboral e acompañamento especializado preto do seu día a día.
As persoas interesadas en recibir máis información ou solicitar atención poden contactar connosco a través do correo persoas@amicos.org ou no teléfono 981 865 716. Seguimos traballando para que cada persoa atope o seu camiño e poida desenvolver o seu proxecto vital con apoio e confianza.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047

