• Unha vez máis, no desfile de carnaval participaron @s beneficiari@s da asociación, familias e equipo
  • A temática deste ano xirou en torno á riqueza de comunidades socioculturais do mundo

 

En Amicos hai datas que vivimos cunha ilusión especial, e o Entroido é unha delas. Este xoves, 12 de febreiro, celebramos o noso tradicional festival cun desfile moi especial no Centro de Atención Integral, onde persoas usuarias, familias e equipo compartimos unha mañá chea de cor, creatividade e alegría.

Este ano decidimos dedicar o Entroido á riqueza das comunidades socioculturais do mundo, unha temática que a familia de Amicos levamos preparando durante semanas nos obradoiros. O resultado foi un desfile que nos permitiu viaxar por diferentes culturas, poñendo en valor os rasgos distintivos, o traballo en equipo e as ganas de desfrutar xuntos.

O desfile comezou coa forza dos viquingos, que marcaron o ritmo da mañá, seguidos polas elegantes geishas de ExpresArte. Os comanches da área de Tecnoloxía tomaron o relevo, antes de dar paso aos esquimós de Pekes, que espertaron grandes aplausos. Na segunda parte, os masais de Formación, os aztecas do obradoiro UAP2 e os zulús da Fábrica Social puxeron o broche final cunha posta en escena chea de personalidade.

 

 

 

 

Como é tradición, un xurado moi especial tivo a difícil tarefa de escoller os disfraces máis destacados. Nesta ocasión estivo composto por por Cándido Dieste e Artemia Carlés, familiares de dúas persoas que acoden á entidade; Lucía García, alumna en prácticas do AFD de Atención Sociosanitaria; e Laura Manzano, alumna-traballadora da formación dual Oficina de validación cognitiva.

Os premios recoñeceron o esforzo, a creatividade e o traballo en equipo de todos os grupos, desde os esquimós, que levaron o galardón ao mellor disfrace, ata os masais, recoñecidos como mellor comparsa, pasando polos viquingos como mellor caracterización, ou os aztecas como mellor maquillaxe. Pola súa banda, os zulús fixéronse co diploma á mellor posta de escena mentres que os comanches despuntaron coa súa coreografía; as geishas como o grupo máis simpático

Máis alá dos premios, o máis importante foi o ambiente que se viviu durante toda a xornada. Música, baile e moitas risas converteron o Entroido nun espazo de encontro e celebración..

Nos vindeiros días, a celebración continuará tamén na área de Pekes, no noso centro de Oleiros, onde os máis pequenos e pequenas vivirán o seu propio Entroido cunha festa pensada para que tamén eles e elas sexan protagonistas.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org