- Impulsamos a presenza das persoas con discapacidade intelectual nas institucións e espazos públicos a través de formación, intercambios de coñecemento e sensibilización social
- Ciudadanía Inclusiva: impulsando instituciones sólidas desde la discapacidad intelectual é unha iniciativa financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030
En Amicos seguimos abrindo camiño para que todas as persoas conten coas ferramentas necesarias para formar parte activa da sociedade. Con este obxectivo, nas últimas semanas presentamos un novo proxecto: Ciudadanía Inclusiva: impulsando instituciones sólidas desde la discapacidad intelectual. Unha iniciativa financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 que promove a participación real das persoas con discapacidade intelectual na vida pública.
Este proxecto nace dunha realidade clara, que non é outra que as persoas con discapacidade intelectual seguen atopando barreiras, tanto cognitivas como administrativas e sociais, á hora de participar na vida política e comunitaria. Por iso, propoñémonos cambiar esa realidade mediante a formación das propias persoas, a transformación das institucións e a sensibilización da sociedade.
Todo isto enmarcado na Axenda 2030 e nos seus obxectivos de desenvolvemento sostible, especialmente aqueles vinculados a institucións sólidas, igualdade de oportunidades, educación inclusiva e traballo en rede.
Formación, cambio e impacto real
O ámbito de actuación desta nova iniciativa son as comunidades autónomas de Galicia, Extremadura, Comunidade Valenciana e Andalucía. Territorios nos que formaremos a máis de 100 persoas con discapacidade intelectual en competencias de cidadanía, participación e liderado, acompañándoas para facilitar a súa presenza en espazos reais de decisión.
Pero tamén sabemos que a inclusión non depende só das persoas, senón tamén dos contornos. Por iso, traballaremos con administracións públicas para avanzar cara a unha comunicación máis clara e accesible, incorporando medidas e linguaxes de accesibilidade cognitiva que faciliten a participación de todas as persoas.

Outro dos piares fundamentais do proxecto é a educación, porque a inclusión tamén se aprende. Neste sentido, colaboraremos con 20 centros educativos para achegar ferramentas, materiais e experiencias que fomenten a participación, o respecto e o coñecemento dos dereitos desde idades temperás.
Entre as accións previstas están a creación dunha guía para promover a linguaxe e o xogo inclusivo, o desenvolvemento dun conto e un xogo accesibles, así como obradoiros e xornadas de sensibilización que chegarán a máis de 500 estudantes e docentes.
Un proxecto con mirada ampla
Ciudadanía Inclusiva terá presenza en Galicia, Extremadura, Comunidade Valenciana e Andalucía, o que nos permitirá construír unha rede de traballo sólida e compartir aprendizaxes entre territorios. Ademais, organizaremos encontros con universidades, entrevistas con axentes políticos e visitas a institucións, creando espazos reais de diálogo e participación.
A presentación deste proxecto é só o comezo. Por diante temos meses de traballo, aprendizaxe e de oportunidades para que máis persoas poidan exercer o seu dereito a participar. Porque unha sociedade máis inclusiva e equitativa só se constrúe contando con tódalas voces.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


