- Macarena Fernández, Ramiro Lueiro, Carolina Castro e Adrián Iglesias participaron fai uns días no Campionato de España de remoergómetro celebrado en Cartaxena, no que se fixeron con catro medallas
- A conselleira Fabiola García destacou que “estes deportistas son exemplo de superación, compañeirismo e ilusión”
Este mércores, 4 de marzo, recibimos no noso CAI a Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade, que quixo felicitar en primeira persoa ao noso equipo de remo inclusivo Amicos – Club de Remo Cabo da Cruz tras o seu paso polo Campionato de España de remoergómetro e o Open de España de Remo Indoor en Cartaxena.
Foi recibida polo equipo ao completo, tralo que Macarena Fernández, Ramiro Lueiro, Carolina Castro e Adrián Iglesias compartiron con ela como viviron a competición e que sentiron tralo seu éxito. Tamén lle contaron como comezaron a súa aventura no remo da man do Club de Remo Cabo da Cruz, en especial do seu adestrador Gustavo Vázquez, tamén presente durante a mañá.
No tocante ao Campionato nacional de remoergómetro, Macarena conseguiu a medalla de ouro e Carolina a de bronce na categoría Feminina Absoluta ERGPR 1000, mentres que na masculina, Ramiro fíxose coa prata e Adrián acadou o oitavo posto. Ademais, participaron tamén no Open de España de Remo Indoor, no que Macarena e Carolina se fixeron co primeiro e segundo posto na categoría Open Sprint PR Intelectual Feminino, mentres que no masculino Ramiro e Adrián fixéronse tamén co primeiro e segundo posto.

Con motivo desta vitoria, a conselleira Fabiola García destacou que “estes deportistas son un exemplo de superación para todos” e agradeceulles que “representen tan ben á nosa comunidade e que leven o nome de Galicia ao máis alto”. Ademais, amosouse convencida de que, co tesón que demostran, “poderán conseguir todo que se propoñan no deporte e en calquera ámbito das súas vidas”. Tamén felicitou a Amicos por ser unha entidade de referencia non só no ámbito dos coidados, tamén a nivel da integración das persoas con discapacidade.
Pola súa banda, o noso director xeral, Xoán España puxo en valor que “detrás de cada medalla hai traballo, constancia e unha rede que aposta polas persoas con discapacidade intelectual con feitos, non con palabras. Este equipo demostra o que pasa cando hai oportunidades reais e acompañamento axeitado; e nese camiño é clave o papel das institucións e de entidades como o Club de Remo Cabo da Cruz, que entenden o deporte como unha ferramenta útil para a inclusión”.
Este non é o primeiro campionato no que participa este equipo de remo inclusivo. En menos dun ano de historia, @s participantes acadaron xa numerosas victorias, como os primeiros postos conseguidos por Ramiro e Carolina no Campionato Galego ‘Xunta de Galicia’ de Remo Ergómetro en Noia, no que o equipo composto por Miguel, Manolo, Adrián e Ramiro tamén conseguiu a medalla de ouro en relevos.

Para máis información:
981 865 716
658 753 047


