• Este xoves presentamos a campaña Rede que inclúe, que implicará ao comercio local na visibilización do autismo
  • Espéranse repartir máis de 4.000 bolsas da campaña para a clientela dos establecementos da comarca para converter cada compra nun xesto de concienciación.

 

En Amicos xa estamos preparados para conmemorar o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada 2 de abril. E este ano facémolo cunha nova campaña de sensibilización que presentamos a mañá deste xoves, 12 de marzo, no noso Centro de Atención Integral de Boiro, acompañados por representantes do tecido empresarial da comarca.

Baixo o nome Rede que inclúe, este ano decidimos dar un paso máis e implicar ao comercio local do Barbanza e arredores para visibilizar o Trastorno do Espectro Autista (TEA) e seguir construíndo unha sociedade máis concienciada e inclusiva.

O acto estivo conducido por Mariana Zurita, alumna do CEEPR Amicos, e Nuria Fernández, responsable do centro de Pekes. Mariana compartiu a súa visión sobre a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis accesible para todas as persoas.

Na presentación tamén estiveron presentes Tomás Estévez, xerente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), Ana Vicente, da Asociación Rianxeira de Empresarios, e Karen Misela, membro da nosa Xunta Directiva; así como Mencía, gañadora do concurso de debuxo da campaña, e un representante do Colexio Bayón.

 

 

O comercio local como aliado

Un dos eixos principais desta campaña é a colaboración cos establecementos comerciais da zona. Entre o 23 de marzo e o 12 de abril, as persoas que realicen compras nos negocios participantes e garden o seu tícket, poderán canxealo por unha das bolsas agasallo da campaña.

Para iso, o stand informativo de Amicos percorrerá Ribeira, Padrón, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son entre o 28 de marzo e o 11 de abril. En total, prevemos repartir arredor de 4.000 bolsas, convertendo cada compra nun pequeno xesto que tamén contribúe a dar visibilidade ao autismo.

As bolsas da campaña están decoradas coa ilustración gañadora do concurso escolar Autismo en liña, unha iniciativa na que participaron máis dunha decena de aulas de distintos centros educativos da comarca.

A proposta seleccionada foi a elaborada por Mencía, alumna de 5º curso do Colexio Bayón de Ribeira, que conseguiu plasmar a súa visión do autismo a través dun debuxo que agora acompañará miles de bolsas que circularán polos comercios da zona.

 

 

Accesibilidade tamén nos espazos naturais

No marco desta campaña, celebramos tamén o próximo 26 de marzo un acto na sede do Parque Nacional Marítimo–Terrestre das Illas Atlánticas para presentar as adaptacións realizadas na illa de Sálvora en materia de accesibilidade cognitiva.

Esta acción permitirá adaptar o entorno natural mediante pictogramas e sinalización visual, co obxectivo de mellorar a comprensión do espazo e facilitar a autonomía e a inclusión de todas as persoas que visiten este enclave natural.

Con iniciativas como Rede que inclúe, Amicos continúa traballando para tecer alianzas entre entidades sociais, centros educativos e tecido económico, promovendo unha sociedade máis informada, accesible e inclusiva.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org