• O noso equipo de validación cognitiva presentou os traballos de accesibilidade implantados nas Illas atlánticas coa colaboración de Parques Nacionais MT das Illas Atlánticas
  • Este acto supuso o evento central da nosa campaña de concienciación do autismo 2026, e contou coa participación do director de PNMTIA, José Manuel Bouzas, e da directora xeral de Igualdade, María Quintiana

 

Esta mañá presentamos no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia os traballos de accesibilidade cognitiva que levamos meses desenvolvendo neste espazo natural. Un paso máis para facelo máis fácil de entender, máis accesible e máis inclusivo para todas as persoas.

Facémolo dentro da nosa campaña ‘Rede que inclúe’, coa que un ano máis queremos aproveitar o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, o 2 de abril, para implicar á sociedade na construción de contornas máis comprensibles e respectuosas coa diversidade.

O acto comezou cunha benvida moi especial da man de Sofía Ronzoni e Francisco Romero, alumnado con TEA do noso CEEPR, xunto con Nuria Fernández. Foron eles quen abriron unha xornada na que as persoas con TEA tiveron un papel protagonista de principio a fin.

Un dos momentos máis significativos foi a lectura do manifesto, na que tamén participou Alfonso Pérez, usuario do Fogar Amicos. Momento no que se reivindicou a necesidade de seguir avanzando cara a unha sociedade na que todas as persoas poidan comprender e participar en igualdade.

Despois foi a quenda do noso equipo de validadores cognitivos e Sonia Fuentes, coordinadora da área de Persoas de Amicos, que presentaron o traballo realizado nas Illas. Un labor centrado na adaptación do entorno mediante pictogramas e sinalización visual, ferramentas clave para facilitar a comprensión e favorecer a autonomía.

 

 

 

 

Durante a xornada tamén interveu o director-conservador do parque, José Antonio Fernández, que puxo en valor unha colaboración que leva anos sumando no ámbito ambiental e social. Pola súa banda, María Quintiana destacou a importancia de seguir impulsando iniciativas que garantan a inclusión real das persoas con autismo, tamén no acceso a espazos públicos e naturais.

Rematamos cunha actividade participativa, un xogo tipo Pasapalabra co que desmontamos algúns dos mitos que aínda existen arredor do autismo e seguimos abrindo conversa.

Os avances que presentamos hoxe son pequenos grandes cambios que marcan a diferenza. Porque cando un espazo se entende mellor tamén se vive mellor.

 

#MenosXuizosMáisApoios

Arredor dunhas 500.000 persoas teñen trastorno do espectro autista en España, o que indica unha prevalencia de 1 persoa por cada 100 nacementos. E a pesar do incremento na inclusión e a normalización do TEA nos últimos anos, este segue estando rodeado de mitos.

Un ano máis, o obxectivo da campaña impulsada por Autismo España é resaltar que cada caso persoa é única. Por iso, é importante concienciar sobre a importancia e a necesidade duns apoios especializados e individualizados que se adapten á etapa do ciclo vital de cada unha destas persoas. E para conseguilo é vital reclamar unha maior implicación de tódolos axentes sociais para a defensa dunha boa calidade de vida e unha sociedade equitativa, en igualdade de condicións.

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

LA VOZ DE GALICIA

EL CORREO GALLEGO

 

Para máIs información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org