• O evento de lanzamento celebrouse os días 20 e 21 de novembro en Lisboa
  • Esta iniciativa está impulsada por Amicos, Atlantic Technological University (ATU), Universidad de Sevilla, Trinity College Dublín, Petra Maritima e 4Change – Comunidades Ativas, e conta coa financiación de Interreg Atlantic Area.

 

Os días 20 e 21 de novembro participamos no Kick-off Meeting do proxecto TRAP – Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution, unha iniciativa europea que nace co obxectivo de previr e reducir a contaminación plástica en contornas fluviais. E faino combinando coñecemento técnico, innovación, solucións baseadas na natureza e a participación das persoas, en especial das persoas con discapacidade intelectual.

O evento, celebrado en Lisboa, foi un encontro clave para poñer en marcha o traballo conxunto entre todas as entidades socias. Ata alí se achegaron as nosas compañeiras Sara Mejuto e Nuria Calo, que foron parte deste primeiro paso no que o equipo comezou a sentar as bases do traballo e accións dos próximos meses.

Durante a reunión abordamos os principais contidos do proxecto, a súa estrutura de coordinación e as primeiras liñas de acción. Falamos de traballo de campo, de participación dos actores locais e, sobre todo, de como desenvolver solucións reais fronte a un dos grandes retos ambientais do noso tempo, a contaminación por plásticos nos ríos.

Para nós, formar parte de TRAP é moito máis que estar nun proxecto europeo. É ter voz, asumir un papel activo e levar o traballo que facemos desde o territorio a un espazo máis amplo, no que compartimos retos e solucións con entidades doutros países. Conectar o local co global.

Neste senso, o papel de Amicos está en situar ás persoas con discapacidade intelectual no centro, como activistas medioambientais e axentes de cambio, dándolles presenza en procesos que tamén están a definir o futuro do noso planeta. Así, eles serán os encargados de transferir o coñecemento técnico á comunidade e implicar ás autoridades públicas a través de accións de sensibilización. Asemade, tamén nos encargaremos da monitorización das accións realizadas nos ríos da zona.

A través de TRAP reforzamos o noso compromiso cunha sustentabilidade con impacto social, na que o coidado do medio natural vai da man da implicación cidadá, da innovación e da construción dun futuro máis consciente e colaborativo.

Esta iniciativa está impulsada por Amicos, Atlantic Technological University (ATU), Universidad de Sevilla, Trinity College Dublín, Petra Maritima y 4Change – Comunidades Activas, e conta coa financiación de Interreg Atlantic Area.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org