• Máis de 150 persoas participaron nos itinerarios de acompañamento da entidade financiados pola Xunta no 2024/25, dos que arredor do 30% acadaron a inserción laboral
  • A xornada incluíu un encontro co alumnado e unha visita ao noso Centro de Día e Ocupacional

 

Esta mañá recibimos en Amicos a visita do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, nun encontro no que puidemos compartir o traballo que vimos desenvolvendo no ámbito da orientación e o emprego. Xunto a el, acompañáronnos o noso director xeral, Xoán España; o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro; e a responsable de Centros, Pilar Sampedro.

Durante a xornada fixemos entrega dos recoñecementos ás persoas participantes nos itinerarios de acompañamento laboral financiados pola Dirección Xeral de Inclusión Social. Pero o realmente importante foi o espazo de encontro que se xerou cos participantes, no que  un momento compartiron experiencias, aprendizaxes e tamén as próximas metas.

As persoas participantes tiveron a oportunidade de contar en primeira persoa como foi o seu paso polo programa, como lles axudou a mellorar as súas competencias e de que maneira están a aplicar todo o aprendido no seu camiño cara ao emprego.

 

 

 

 

No marco do servizo financiado pola Dirección xeral, unhas 150 persoas participaron nestes itinerarios durante o período 2024-2025 e arredor do 30% acadaron un emprego.

Como destacou o noso director xeral, Xoán España, este tipo de programas van moito máis alá da inserción laboral: “permiten que as persoas poidan desenvolver unha vida máis autónoma e normalizada. E iso só é posible grazas ao apoio das administracións públicas, que fan posible que sigamos acompañando a quen máis o precisa”.

Pola súa banda, Arturo Parrado puxo en valor o traballo realizado polo equipo de Amicos e a importancia de seguir impulsando iniciativas que faciliten o acceso ao emprego, especialmente para as persoas con máis dificultades.

A xornada continuou cun percorrido polo noso Centro de Atención Integral, onde puido coñecer de preto as actividades, obradoiros e proxectos que desenvolven as persoas que acoden á entidade.

 

NOVAS EN MEDIOS:

CANAL BARBANZA

LA VOZ DE GALICIA

O BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org